A Artesanía de Galicia busca na feira Formex de Estocolmo novas canles de distribución
A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo ata o vindeiro sábado, 23 de xaneiro, unha iniciativa coa que se busca abrir novas canles de distribución para o produto artesán galego.
A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de 39 obradoiros galegos, coa que se ofrece unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional combina con produtos máis contemporáneos.
A prata, a iluminación, o téxtil, e o coiro únense á cerámica, á cestería tradicional, á cestería téxtil, á olería tradicional ou ás pezas utilitarias elaboradas en madeira na escolma que representa o produto artesán galego en Formex, feira na que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2013. Nesta edición inclúense produtos de 15 novos obradoiros, moitos dos cales se incorporaron ao Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia nos dous últimos anos.
Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo, e celébrase en dúas edicións anuais, en xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai 3 anos.
Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse as pezas de coiro do obradoiro Jatafarta (Santiago de Compostela) e o obradoiro Coiraxe (Vigo) xunto ás propostas dos Obradoiros Media Lúa (Santiago de Compostela) e Miolos Design (Mourente). Inclúense tamén as apostas pola iluminación de Arturo Álvarez (Vedra), Lámparasdecarton.com de Vigo e Pedeeme de Campañó ou as do obradoiro téxtil Anna Champeney (Cristosende) que, xunto co Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas) participan con pezas tecidas á man.
A porcelana estará representada por pezas das gañadoras dos recentes Premios de Artesanía de Galicia, Marta Armada (Vigo) e Verónica Moar (A Coruña), Cerámica Suve (Cangas), Como Cuando (Vigo), e Víctor Ares (A Coruña). A cerámica que participa no stand está elaborada polos talleres de Lucía Catuxo (Trabada), Manuel Figueiras (Muros), Nacho Porto (Carnota), Fernando Porto (A Estrada), Regal Cerámica (Viveiro), Madriguera Workshop (Ferrol), Laura Delgado Cerámica (Cambre) e Unzueta Cerámica (Brión).
En canto á olería, están representados tres centros de olería tradicional galega: Niñodaguia, coas pezas de Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo), Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober) e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Aparicio e Alfarería Rulo que presentan tamén novos produtos.
No stand comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) e a cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta (A Estrada) e Elena Ferro (Merza), Cunqueiro (Palas de Rei) e unha peza de edición limitada de Francisco Pazos (Meaño).
Tamén están presentes nesta nova edición o obradoiro textil Le Chanelas (Vigo) e as velas artesanais de A Candelaria (Negreira). Por primeira vez a prata está representada no stand de Artesanía de Galicia coas exquisitas pezas do Obradoiro Noroeste (Santiago de Compostela) que son a imaxe de Artesanía de Galicia nesta edición de Formex 2016.
A participación de Artesanía de Galicia na feira Formex de Estocolmo enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, constitúe unha das liñas estratéxicas que se enmarcan dentro deste plan impulsado pola Xunta.











