Xunta e Cáritas Diocesana de Lugo colaborarán para poñer medidas de apoio para as familias en risco de perder a súa vivenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+

A Xunta e Cáritas Diocesana de Lugo colaborarán para poñer á disposición das familias en risco de perder a súa vivenda as diversas medidas de apoio e protección activadas polo Goberno galego. Así o acordaron hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, coa xunta directiva da entidade na Cidade da Muralla na reunión que mantiveron este mediodía.

Ethel Vázquez puxo de relevo o importante labor de mediación que pode desenvolver Cáritas Diocesana, á que considerou imprescindible informar sobre as medidas existentes, xa que traballan diariamente con persoas en situación de especial necesidade, e polo tanto, teñen coñecemento de familias que poden estar afectadas polo drama dos desafiuzamentos.

Por ese motivo, explicou que xa o pasado mes de outubro a Xunta trasladou por escrito ás cinco delegacións de Cáritas Diocesanas en Galicia a información precisa sobre as medidas existentes para garantir unha vivenda digna aos máis desafovercidos.

Nesa mesma liña, na reunión de hoxe a conselleira informou polo miúdo aos representantes de Cáritas Lugo das medidas postas en marcha pola Xunta para protexer o dereito constitucional a unha vivenda, facendo fincapé no bono de alugueiro social, unha axuda urxente e inmediata de 150 euros ao mes para as persoas que corren risco perder a súa vivenda en aluguer por non poder pagar a renda.

A conselleria destacou, tamén, que a maior entidade financeira de Galicia se comprometeu a non botar a ninguén da súa vivenda por non pagar a hipoteca, e deixar que permanezan nela a cambio dun aluguer social en cuxo pago colabora a Xunta.

A responsable de Vivenda do Goberno galega entregou a esta entidade un dossier informativo sobre as 10 medidas creadas polo Goberno galego para facer fronte aos desafiuzamentos e paliar os eus efectos. E insistiu na importancia de trasladar a información para conseguir que as medidas cheguen a aqueles que realmente o necesitan.

Por último, a responsable de Infraestruturas da Xunta reiterou que “acabar cos desafiuzamentos é tarefa de todos, cada un desde os nosos ámbitos de responsabilidade” e incidiu en que “o Executivo autonómico seguirá traballando para ofrecer solucións a quen máis o necesita, porque os responsables galegos non se darán por satisfeitos mentres haxa unha soa familia en risco de perder o seu fogar”.

15 de decembro de 2015 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.