Xosé Leal asegura que a participación dos concellos no Culturgal supuxo unha primeira experiencia moi satisfactoria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

“Foi moi significativa a elevada participación dos concellos a pesares da premura coa que foron convidados, o que indica o seu interese por difundir e poñer en valor a súa oferta cultural”, explicou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, nunha primeira valoración da recén rematada edición do Culturgal. Cabe lembrar que, por primeira vez, a Deputación dispuxo dun posto propio no que amosar a oferta cultural dos concellos da provincia, dando cabida a 34 entidades locais e propiciando que 12 destes concellos participasen coa presentación de actividades culturais propias.

Xosé Leal asegurou que “aínda que destacou a presenza da oferta en patrimonio natural e etnográfico, en conxunto puido verse unha gran variedade de ofertas culturais, o que supón un reflexo da riqueza cultural do conxunto do territorio da provincia”. Indicou ademais que “houbo concellos moi activos na promoción das súas actividades durante os tres días de feira, o que dá fe da importancia e do valor que en cada concello lles dan ás súas propostas culturais”.

De cara a vindeiras edicións Xosé Leal afirmou que “continuaremos por manter a aposta de darlles cabida aos concellos e estudaremos con máis tempo diferentes fórmulas para mellorar aqueles aspectos máis febles”.

Ademais da oferta dos concellos a Deputación apostou por difundir material audiovisual relacionado co Museo de Pontevedra e coas efemérides relacionadas con Castelao que se desenvolverán no ano 2016. Así, puxéronse a disposición do público traballos do Servizo de Publicacións da Deputación, entre os que se contaba a unidade didáctica sobre as estampas de nenez de Castelao titulada “A nenez galega a través dos anteollos de Castelao”, que tamén foi presentada oficialmente no programa da Feira, concretamente na tarde do venres.

A maiores do posto e da presentación da publicación sobre Castelao o ente provincial tamén financia e produce, a través do Museo de Pontevedra, a exposición de arte contemporánea “Somos Espazo: simbioses entre arte e arquitectura”, que foi inaugurada con motivo do Culturgal e que permanecerá no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o 10 de xaneiro.

A oitava edición do Culturgal, desenvolvida entre os días 4 e 6 de decembro, contou, segundo datos da propia organización, cun total 14.500 visitantes, mantendo as cifras de público do ano pasado.

9 de decembro de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.