Vilagarcía resolve o problema de afloramento de augas residuais na calexa do edificio do Bavaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A terceiromundista imaxe que presenta dende hai anos a calexa que une as rúas Vicente Risco con Alejandro Cerecedo debido ao constante afloramento de residuos fecais non volverá a repetirse. O Concello tomou cartas no asunto, e coa colaboración dos veciños dos edificios da calexa, acordouse acometer a renovación das redes de augas residuais e de recollida de fecais no corredor. Os traballos comezan o luns.

A calexa do edificio Bavaria é un atallo moi utilizado polos peóns que, dende hai anos se atopan coa deplorable imaxe do afloramento e acumulación de augas residuais na zona. Técnicos do Concello corroboraron que a causa do problema é que as conducións de residuais na calexa están totalmente rotas e obstruídas por terse afundido sobre elas o pavimento.

Aparte do mal cheiro que soportan peóns e veciños, esta circunstancia representa un problema de hixiene e de mala imaxe para a cidade, e dificulta a accesibilidade dos peóns.

Aínda que o corredor é de titularidade pública, debido ao seu uso público, o Concello coa colaboración dos veciños, decidiu proceder á substitución das tubaxes de ambos servizos. A empresa Grupo Oresa levará a cabo as obras que teñen un prazo de execución de 15 días e que inclúen tamén a reposición do pavimento con lousa de formigón. O presupostos ascende a 5.000 euros.

18 de decembro de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.