Vieito salienta que a operación de refinanciamento da débeda permitirá ao Concello da Coruña aforrar máis de 2,2 millóns
A Xunta de Goberno local aprobará mañá a operación de refinanciamento da débeda do Concello –que ascende a 61.975.907,55 euros–, coa que o Goberno municipal pretende substituír 14 operacións de endebedamento concertadas polos gobernos anteriores, entre os anos 2006 e 2014, en condicións diferentes, e que van deste tipos fixos do 4,062% ao 6,980%, e diferenciais do 1,75% ao 6,00% sobre o Euribor a 3 meses, no caso dos prestamos a tipo variable, por un único préstamo a tipo variable amortizable en 10 anos.
Segundo a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, esta operación permitirá “un importante aforro en custes financeiros –estimado para 2016 en mais de 2,2 millóns de euros, só en intereses– ao tempo que reducirá en máis de 3 millóns de euros a necesidade de recorrer ao endebedamento para financiar os orzamentos municipais”.
Das ofertas presentadas polas distintas entidades financeiras que operan na cidade, a mais vantaxosa foi a de Abanca, cun diferencial do 0,6% sobre o Euribor a tres meses, e sen ningún tipo de gastos financeiros nin comisións. Estas condicións, salienta a responsable municipal, sitúanse moi por debaixo dos límites de prudencia financeira establecidos polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que resulta nun tipo efectivo do 0,467% dado o actual valor negativo do Euribor a tres meses (0.133%).
Tal e como subliña Vieito, o Concello consegue así, grazas a esta operación de refinanciamento, recolocar a súa débeda viva “en condicións financeiramente moi vantaxosas”.











