Unha vintena de alumnos participan no Obradoiro de Lingua e Cultura Galega, En galego co teu acento!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Obradoiro de Lingua e Cultura Galega, En Galego co teu acento! arrincaba a mediados de novembro no Milladoiro. As vinte prazas, gratuítas, que ofertaba o Concello, cubríronse todas. A casa da cultura é o marco no que se desenvolven, dende o día 11 de novembro até o 20 de decembro, estas aulas que buscan achegar aos amesáns e as amesás procedentes de fóra de Galicia á lingua e a distintos aspectos da cultura que nos identifica como galegos e galegas.

As persoas participantes van respondendo unha por unha, todas elas en galego. Miran á profesora cando dubidan de como conxugar un verbo, ou preguntan a tradución dunha palabra en castelán ou portugués. Axúdanse entre eles e corríxense uns aos outros. A maior parte do alumnado do obradoiro, impartido pola técnica de normalización lingüística do Concello, naceu en América do Sur e fixo de Ames o seu lugar de residencia.

A maior parte leva aquí cinco ou máis anos e varios comentan que ”xa era hora de comezar a falar galego”. Algúns, acabados de chagar a Galicia, admiten que lles pareceu importante ”para o día a día, ser capaces de falar en galego”. Unha das participantes, de orixe brasileira, explica que ela entende que ”30 horas son moi poucas para aprender unha lingua” pero que o motivo que a levou a facer o curso foi, tamén, ”integrarme máis no concello”. Explica que considera a Casa da Cultura como o ”corazón” do concello de Ames e non é a única. Moitos asenten na aula cando o comenta e engaden que a Casa da Cultura non só dinamiza a vida da vila, senón que ademais para eles supuxo un punto de encontro e unha axuda á hora de considerar Ames o seu fogar.

Moitas das asistentes, nais dende hai varios anos, engaden que o feito de que os seus fillos e fillas se desenvolvan en galego na escola foi un motivo máis para inscribirse no curso. Explican que, se os seus nenos aprendían galego na escola, elas querían falalo con eles tamén na casa, así como dominar un abano máis amplo de vocabulario para poder axudarlles coas tarefas escolares.

Case todos admiten que un dos motivos polos que non se animaron antes a aprender e empregar o galego no día a día foi ”polo corte que dá”, como explica unha das alumnas: ”teño medo de equivocarme, ou de dicir unha palabra mal”, pero teñen claro que están no mellor lugar do mundo para aprender galego e que é imposible pasar de non falar a falar correctamente. Escoitar, ler ou apoiarse nos medios de comunicación revélanse como algunhas das fontes de aprendizaxe: ”eu poño a TVG na casa para ir aprendendo algo de vocabulario”. Pero non todo se limita á lingua. Moitos admiten que a historia, a música, a literatura, o ”coñecer mellor o lugar no que vivimos e integrarse socialmente” tiveron gran peso á hora de decidir asistir ao obradoiro.

Hai quen recoñece que repite experiencia e case todo o alumnado admite que lles gustaría acudir a máis cursos coma este. Piden que a xente ”non cambie ao castelán cada vez que escoitan un acento que non é de aquí” e salientan que no obradoiro todos aprenden de todos. Este é, como explica Rosa Moreiras, un dos grandes aspectos positivos deste curso: ”descubrir e poñer en valor a riqueza multicultural que se agocha en Ames, froito da convivencia de persoas de moi diferentes puntos deste planeta” Nesta aula podemos gozar dun anaquiño de Venezuela, de Arxentina, de Holanda, de Marrocos, de Albacete, de Colombia, de Brasil ou de Cuba, todo isto coa lingua galega como elemento de cohesión.

1 de decembro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.