Unha familia de xabaríns causa numerosos destrozos no Botánico de Montealegre
Unha familia de xabaríns, coa presenza de un ou dous adultos e tres crías, está traendo de cabeza os técnicos do Botánico de Montealegre. Esta noite pasada accederon ao recinto e levantaron, ao seu paso, máis de 1.000 metros cadrados de terreo.
Os técnicos da Concellería de Medio Ambiente están tras a pista dos animais desde vai tempo, pero nunca ata esta noite causaran tantos destrozos: Plantas, árbores e todo o que atoparon no seu camiño, afirman desde o Botánico. Os técnicos cren saber o lugar de acceso, polas pegadas, e consideran que se trata dunha familia composta por tres crías e un adulto, aínda que á vista dos danos causados esta noite, cren que poderían ser dous.
A idea é reforzar a valla e colocar medidas disuasorias para que non volvan achegarse polas inmediacións. A partir dese momento, os técnicos poderán facer unha valoración económica dos danos ocasionados.











