Unha delegación do programa mexicano SPAMEX visita a comunidade galega

Visita da delegación mexicana
Unha delegación do programa mexicano SPAMEX formada por unha trintena de estudantes de Turismo está a coñecer nesta semana a nosa comunidade por constituír unha rexión estratéxica no sector turístico.
Este programa de becas desenvolvido polo goberno de México da a oportunidade a estudantes con méritos excepcionais a completar a súa formación cunha estanza de tres meses no noso país.
No día de hoxe, os alumnos mantiveron un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no Centro Superior de Hostalería de Galicia.
Durante a xuntanza, o grupo de estudantes puido coñecer os recursos turísticos máis importantes e estratéxicos da nosa comunidade que fan de Galicia un destino diferencial e multiexperiencial.
Neste senso, Nava Castro expuxo as múltiples posibilidades que ofrece a comunidade galega como destino resaltando a cultura, a natureza, o termalismo, a gastronomía e a enoloxía, entre outros recursos.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou a importancia de contar cun plan estratéxico específico para o turismo desenvolvido coa participación dos axentes público e privados implicados presentando ao grupo o Plan Integral de Turismo de Galicia.
Por outra parte, Nava Castro explicou a organización turística territorial na comunidade galega a través dos xeodestinos, creados para territorializar e homoxeneizar a oferta turística de Galicia, como novo xeito de promocionala e comercializala e co obxectivo de optimizar a súa posta en valor e facela máis accesible.
Camiño de Santiago
Os alumnos mexicanos puideron coñecer a fondo o Camiño de Santiago e a súa xestión e promoción que converteron a ruta xacobea nun referente internacional do fenómeno das peregrinacións.
O xerente do Xacobeo falou das principais actividades que desenvolve Turismo de Galicia arredor da Ruta Xacobea, tanto no eido da promoción como da xestión das distintas rutas que conforman o Camiño en Galicia.
Neste senso, Sánchez Bargiela referiuse ao Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021, como elemento fundamental do desenvolvemento futuro deste Primeiro itinerario cultural europeo.
Centro Superior de Hostalería de Galicia
O grupo mexicano tivo, así mesmo, a oportunidade de visitar o Centro Superior de Hostalería de Galicia acompañados pola directora do mesmo, Marta Fernández.
Así, os estudantes puideron coñecer un dos máis prestixiosos centros de formación do sector turístico a nivel internacional que se sitúa á vangarda da formación.











