Un total de 75 ciclistas participaron na IX Carreira do Pavo en Bertamiráns

Carreira do Pavo en Bertamiráns
A novena edición da Carreira do Pavo foi, en palabras da súa organizadora Begoña Alonso”un gran éxito”. En Radio Ames dixo sentirse ”moi satisfeita” ante a presenza de numerosas persoas que, este sábado 12 de decembro pola tarde, decidiron achegarse ás inmediacións do parque do Ameneiral en Bertamiráns para presenciar a carreira ciclista.
Setenta e cinco ciclistas, procedentes de toda Galicia, inscribíronse para correr as vinte cinco voltas dun circuíto de 900 metros nun día no que ”acompañou o tempo”. Cómpre destacar a participación de Martín Lestido e do campión de España Alejandro Regueiro.
Francisco Javier Iglesias Mosquera, veciño de Santiago de Compostela, alzouse coa vitoria e co pavo, premio concedido ao primeiro en cruzar a liña de meta. David Rañó, de Padrón, e Alejandro Regueiro, tamén de Compostela, chegaron en segundo e terceiro lugar, polo que recibiron un polo e unha perdiz respectivamente, listas para cociñar e degustar na casa. Á entrega de premios acudiu o alcalde de Ames, José Miñones, e algúns concelleiros/as da corporación municipal.
Antes da carreira nenos e adultos puideron participar nunha xincana ciclista organizada ás 16:00 horas. Trala carreira, público e ciclistas xuntáronse para tomar un chocolate quente, preparado para combater o frío da tarde invernal.











