publicidade hoxe

Un total de 7 traballos participan no concurso de relatos “25 de Novembro” de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello e o departamento de Dinamización da Lingua Galega do CPI convocaron un concurso literario co que promover entre a comunidade escolar unha maior sensibilización ante a violencia contra das mulleres. Foi no marco da programación do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia de xénero e en total presentáronse sete traballos que desde este mesmo luns están expostos na Casa da Cultura.

Esta é a cuarta edición dun concurso que busca, en último caso, concienciar á mocidade e que esta transmita unha mensaxe clara sobre a necesidade de previr a violencia de xénero. Un problema social que cada vez se está detectando máis en idades temperás e con fórmulas novas, como o control e o dominio dunha relación a través do whatsapp e das redes sociais. Este é un dos aspectos sobre os que alerta o II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes deseñado polo Concello, ao tempo que marca como un dos principais eixos de actuación o traballo activo e educativo coa poboación máis nova.

Entre toda a programación anual de charlas, obradoiros e actividades, o departamento de Igualdade tenlle un lugar reservado á creatividade e de aí que durante o mes de novembro se promovese o certame literario entre o alumnado de 3º e 4º da ESO do colexio público. A convocatoria saldouse con sete traballos presentados que se poden ler desde o luns nas paredes do recibidor da Casa da Cultura. Aínda que se daba total liberdade sobre o formato -sen superar as dúas follas-, a rapazada tirou case a partes iguais pola poesía e o relato, dentro dun abano que permitía tamén a banda deseñada, o ensaio e o conto.

O concurso literario 25 de Novembro outorgará tres premios: unha tableta gráfica de 8″ e un diploma para a obra ganadora e un libro e un diploma para as que queden en segundo e terceiro posto. O fallo do xurado coñecerase o 18 de decembro, cadrando co inicio das vacacións do Nadal. Ese día tamén se entregarán os galardóns e leranse as tres pezas premiadas que, ademais, estarán dispoñibles na web municipal.

9 de decembro de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.