Un total de 65 condutores/as recorreron ás Xornadas de Concienciación para cumprir con sancións por tráfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Mañá sábado 19 de decembro remata na Casa de Cultura de Narón o último grupo deste ano do programa ” Xornadas de Concienciación”, do Colexio Oficial de Psicoloxía, unha alternativa aos tradicionais Traballos en Beneficio da Comunidade. Nestas Xornadas, que xa contan con seis anos de traxectoria e que foi un programa pioneiro no Estado, participaron un total de 65 condutores e condutoras con algunha sanción por delitos relacionados coa seguridade viaria en 2015.                                                           

O programa, que conta co apoio da Dirección Xeral de Xustiza e de Institucións Penitenciarias (Unidades de Medidas Abertas), está impartido por profesionais da psicoloxía con ampla experiencia no eido do tráfico e ten como fin concienciar os condutores e condutoras de que a seguridade viaria depende de todas e cada unha das accións que a nivel persoal e individual en disposición de asumir. 

Preténdese así diminuír o número de condutas infractoras, así como incrementar a motivación ao cambio para lograr maior responsabilidade e respecto ás normas. Ao mesmo tempo, búscase incrementar o autocontrol e a responsabilidade compartida nas vías, así como dotar as persoas participantes de recursos, medios e análise crítica para corrixir ideas distorsionadas sobre a condución e a responsabilidade na estrada.

O Concello de Narón acolleu dous dos grupos das Xornadas de Concienciación celebradas en 2015, mentres que un terceiro celebrouse en Santiago de Compostela. Ademais, permanece activo o programa especializado de longa duración desenvolvido por profesionais do comportamento e posto en marcha polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Psicovial, que se está a desenvolver en Ourense.

Trátase doutra iniciativa pioneira en todo o Estado creado hai tres ano, e é o único programa específico deste eido desenvolvido fóra de Institucións Penitenciarias. Ten unha duración de 9 meses e vai destinado a persoas con condenas por tráfico de carácter multirreincidente. Psicovial está impartido por tres psicólogos con formación específica e trabállase con grupos reducidos dun máximo de 12 persoas. 

18 de decembro de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.