Un cento de rapaces falará con Papa Noel por video conferencia dende o centro de Matosinhos
Como vén sendo habitual dende hai uns anos, algúns nenos de Vilagarcía terán a oportunidade de manter unha charla con Papa Noel antes da súa visita oficial do 24 de decembro. Será a través das sesións de video conferencia que se celebrarán a vindeira semana dende o Centro de Formación de Matosinhos e nas que participarán preto dun cento de rapaces dos centros Vagalume e o Piñeiriño e da asociación BATA.
As video conferencias con Laponia para contactar con Papa Noel son unha actividade que organiza o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) nas distintas aulas coas que conta nos municipios da comunidade autónoma co obxectivo de que a xuventude se familiarice xa dende moi cedo ao uso das novas tecnoloxías e sistema de comunicación. No caso da de Vilagarcía, o CNTG conta coa colaboración da Área de Emprego da Concellería de Promoción Económica que dirixe as instalacións de Matosinhos.
A primeira das video conferencias con Papa Noel será o luns, 14 de ás 13:00 horas e contará coa participación de 40 alumnos de 5 anos de idade da EEI Vagalume.
O mércores, 16 ás 13:00 horas, tocaralle aos 38 alumnos do Piñeiriño, tamén de 5 anos, e o venres, a partir das 10 da mañá serán 15 usuarios de BATA os que poidan comunicarse con Laponia sen saír de Vilagarcía para expoñerlle a Papa Noel os seus desexos para este Nadal.











