Un acusado de apuñalar a un xoven na Coruña alega que foi en lexítima defensa
Un home acusado de apuñalar a un novo en xullo de 2009 durante as festas do Burgo (A Coruña) recoñeceu ser o autor das lesións, aínda que alegou durante o xuízo que foi en lexítima defensa porque a vítima o agrediu primeiro. A Audiencia Provincial da Coruña acolleu este luns a primeira sesión do xuízo contra este home, para quen a Fiscalía solicita 7 anos de prisión por un delito de homicidio en grao de tentativa. No banco dos acusados tamén sentou o cuñado deste, que se enfronta a 9 meses de prisión por un delito de resistencia.
Segundo o escrito do Ministerio Público, sobre as 4,00 horas do 23 de xullo de 2009 os procesados “golpearon” o mozo cando se atopaban nas inmediacións dun establecemento situado no Paseo Marítimo de El Temple, Cambre. Nun momento o segundo procesado “quedo á marxe” do enfrontamento, mentres que o principal acusado e a vítima “se agrediron reciprocamente”.
No curso do enfrontamento entre estes dous, o acusado “cravou en repetidas ocasións unha navalla, ou outro obxecto de similar efecto cortante”, ao mozo, “co propósito de acabar coa súa vida”, recolle o escrito da Fiscalía.
EN DEFENSA PROPIA
Non obstante, durante o xuízo, o principal acusado recoñeceu ser o autor das lesións pero alegou que estas se produciron en defensa propia. Este home, que tamén resulto ferido cun corte, relatou que o día dos feitos uns mozos, entre os que se atopaba a vítima, primeiro insultárono no interior dun bar e despois -declara-, á saída do establecemento, había “uns dez ou quince” esperando.
“Perseguíronnos e empezaron a pegarnos”, sinalou o acusado, que relatou que a vítima portaba unha botella de cristal, e que el lla arrebatou durante a disputa. “El córtame a min e eu a el”, apunta este procesado durante o relato da liorta.
O procesado, que só respondeu a preguntas do seu avogado, asegurou que o día dos feitos non portaba ningunha arma branca e insiste en que as feridas se produciron ao tratar de defenderse dunha primeira agresión. Tras o incidente, este home apuntou que tanto el como o seu cuñado “botaron a correr” porque tiñan “medo” dos mozos.
“Ao saír do bar estaban a esperar e empezaron a pegar”, declarou o outro procesado, que di que “un montón de xente” se “botou enriba” e empezaron a pegalos.
VÍTIMA
Pola súa banda, a vítima, que asegurou que xa coñecía o principal acusado por un altercado anterior, alega que foron os dous procesados quen: “Viñeron detrás de min increpándome”.
Este mozo, que xa foi indemnizado polo principal acusado, relatou que no transcurso da pelexa caeu enriba deste procesado e, segundo declarou, foi entón cando o home lle chegou a dar tres puñaladas.
“Notei os cortes moi limpos”, afirmou o mozo, que negou que portase unha botella durante a disputa e comentou que foron os seus amigos os que viron que o acusado tiña unha navalla, pero el non chegou a vela.
Na sesión deste luns tamén declararon algúns dos amigos da vítima que presenciaron os feitos. Todos eles coincidiron en destacar que foron os dous procesados os que iniciaron a disputa e que un de eles, o que se enfronta a 7 anos de cárcere, feriu o mozo.











