Últimas charlas informativas sobre a calidade do servizo de internet na zona rural de Narón
A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, recordou que esta semana rematarán as charlas informativas sobre internet convocadas nos locais sociais da zona rural. As dúas últimas terán lugar mañá, ás 20.00 horas, en Doso e o venres, á mesma hora, no Val. A finalidade destas convocatorias –iniciadas o pasado 24 de novembro en San Xiao- é elaborar un informe sobre a calidade da cobertura do servizo para enviarllo á Xunta de Galicia, co fin de que esta última administración proceda a melloralo naquelas zonas onde se rexistran problemas.
Co fin de detectar todas as anomalías existentes, desde o Concello solicítase á veciñanza do rural que cubra unhas enquisas sobre a actual calidade do servizo de internet. Así mesmo, nestas xuntanzas os asistentes reciben información sobre os trámites realizados desde a administración local nesta área e tamén poden formular as preguntas que consideren oportunas ao respecto, tal e como recordou a edil.











