Última reunión en Pontevedra do curso de xestión das infraestruturas municipais de saneamento e depuración do Pacto local da auga
O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, salientou que a Xunta de Galicia aposta por unha política hidrolóxica coordinada, eficiente, da máxima calidade e sostible, tal e como recolle o Pacto Local da Auga, asinado en 2013.
O director de Augas participou hoxe en Pontevedra no curso de xestión das infraestruturas municipais de saneamento e depuración, unha actividade formativa enmarcada precisamente neste Pacto da auga, ratificado hai dous anos pola Consellería de Medio Ambiente, Augas de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A sinatura deste protocolo de coordinación supuxo un punto de partida pioneiro e imprescindible para o traballo coordinado entre administracións. Entre os obxectivos do plan destacan o traballo a prol dunha homoxeneización nos servizos de abastecemento; a máxima calidade na prestación do servizos; e o cumprimento das directivas europeas. Ao respecto deste último punto no 2014 xa se tiña acadado un grao de cumprimento do 92% no que se refire á directiva de augas residuais.
Rodríguez Martínez trasladou aos participantes na xornada, técnicos e responsables en materia de augas das administracións locais, que a Xunta seguirá a traballar nesa liña, apoiando aos concellos á hora de prestar os servizos de saneamento e depuración, ambos de competencia municipal.
Recordou que, na actualidade, Augas de Galicia controla e dá soporte técnico a 124 instalacións de máis de 2.000 habitantes doutros tantos concellos. Ademais, desde 2009, a Consellería de Medio Ambiente ten posibilitado a posta en marcha de 38 novas depuradoras, ben por execución directa ou a través do cofinanciamento. Estas depuradoras dan servizo a máis de 1,2 millóns de galegos e galegas. O Goberno galego é consciente de que a explotación e mantemento destas infraestruturas require de persoal especializado. Este é o motivo da convocatoria de cursos e xornadas, como o que tivo lugar hoxe en Pontevedra, e que supón un paso máis no desenvolvemento do Pacto Local da Auga ao estar dirixido a mellorar os coñecementos e competencias dos técnicos municipais.











