publicidade hoxe

Turismo de Galicia inaugura no Mosteiro de Samos unha exposición sobre as orixes do monacato e a súa relación co camiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSamos
A-
A+

Turismo de Galicia inaugurará mañá xoves, día 3 de decembro, no Mosteiro de Samos a exposición “Silencio. O monacato nas orixes do Camiño”, organizada polo Mosteiro lucense e a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA).

A mostra, que permanecerá aberta ao público ata outubro de 2016, percorre, a través de textos e fotografías, libros antigos e pezas de arte sacro, os séculos medievais, nos que Santiago de Compostela se converteu na meta da maior peregrinación de Occidente.

A exposición, comisariada polos xornalistas Luís Celeiro e José M. Salgado, nas distintas salas que ocupa, a través de paneis de grandes dimensións, con fotos e texto, vai narrando e describindo as orixes do monacato e a súa relación co Camiño de Santiago.

Deste xeito, a mostra recolle a contribución de distintas ordes relixiosas e militares ao desenvolvemento da peregrinación, así como o período de esplendor na época do arcebispo Diego Xelmírez.

Así mesmo, a exposición dedica unha das súas salas ao Mosteiro de Samos e a súa intensa relación co Camiño de Santiago. Na mesma preséntase información pouco coñecida sobre a hospedaría medieval e a Casa do Hospital, aportada por, Estefanía López Salas, autora dunha tese sobre a evolución do Mosteiro dende as súas orixes, que foi cualificada coa máxima nota na Escola de arquitectura da Universidade da Coruña.

Por outra parte, un audiovisual, da autoría dun dos comisarios, José M. Salgado, mostra a relación íntima entre peregrinos e monxes, ao longo das rutas xacobeas. A exposición tamén exhibe distintas pezas escultóricas e pictóricas de gran valor, restauradas para a ocasión pola “Fundación Otilia Millares”.

O acto de inauguración, que terá lugar ás 17:00 horas, contará coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, do presidente de APECSA, Xosé María García Palmeiro, do prior do Mosteiro de Samos, José Luis Vélez, e os comisarios da exposición, Luís Celeiro e José M. Salgado.

2 de decembro de 2015 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.