Torneo de Nadal ‘Todo é deporte’ en Santa Isabel este sábado
A sección feminina Santiago Futsal, Santiago Futsal A Gaiola, organiza este sábado a 7ª edición do Torneo de Nadal ‘Todo é Deporte’. Por sétimo ano consecutivo, o torneo de Nadal da sección feminina do club realízase co obxectivo de fomentar a igualdade de xénero e a non violencia no deporte, transmitindo eses dous valores sociais por medio do deporte.
O Torneo celebrarase o sábado 26 de Decembro a partir das 17.30h no pavillón de Santa Isabel. Participarán as xogadoras dos equipos femininos do Santiago Futsal A Gaiola e, como cada ano, moitos rostros coñecidos do panorama galego, tanto actores e actrices como deportistas de nivel internacional, así como xornalistas e cantantes.
Ademais haberá sorteos, agasallos para os asistentes, actuacións musicais, exhibicións, zona especial de xogo para nenos e un partido mixto entre invitados e as xogadoras do Santiago Futsal A Gaiola. Tamén haberá un servizo de catering ao finalizar o Torneo do que poderán gozar todos os asistentes.
O Torneo de Nadal ‘Todo é Deporte’ preséntase como unha gran cita na que gozar do fútbol sala en familia na tarde do sábado.











