Teresa Seara defende na UDC unha tese sobre a obra poética de Fernán Vello
A profesora, ensaísta e especialista en crítica literaria Teresa Seara defenderá na UDC mañá, martes 22 de decembro, a Tese Doutoral que leva por título “A obra poética de Miguel Anxo Fernán Vello”, da que foron directores os profesores e doutores Xosé María Dobarro e Teresa López.
A lectura da tese será ás 11 da mañá no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, e o tribunal estará formado polos tamén doutores Jon Kortázar, Carlos Paulo Martínez Pereiro e Camiño Noia.
Teresa Seara analiza nesta tese o traballo poético do escritor e editor galego Miguel Anxo Fernán Vello, recente Premio Afundación de Poesía 2015, e que acaba de ser elixido nas eleccións xerais deputado por Lugo no Congreso.











