publicidade hoxe

Tahoces destaca a aposta de Guntín por unha economía verde que lle permite obter aforros anuais de 27.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuntín
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe en Guntín a nova caldeira de biomasa instalada na Casa da Cultura, que permitirá aforrar máis de 5.000 euros anuais en combustible. Unha aposta que se suma ás actuacións levadas a cabo no marco da iluminación pública nos últimos tres anos e que reforza o compromiso do concello “cunha economía verde” que lle está a permitir obter aforros anuais de máis de 27.000 euros.

O novo equipamento de biomasa, que segundo explicou Bernardo Tahoces conta cunha potencia de 128 kW para abastecer ao complexo, supuxo un investimento de 45.000 euros, cunha achega do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) do 75%.

O director xeral, que estivo acompañado polo alcalde de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro, destacou os importantes beneficios económicos e ambientais desta instalación, que se enmarca nas iniciativas levadas a cabo no contexto da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, “unha enerxía na que Galicia ten unha vantaxe competitiva moi clara”. Esta Estratexia ten entre os seus obxectivos configurar unha industria xeradora de riqueza e emprego no rural poñendo en valor o monte galego.

Neste marco, Bernardo Tahoces avogou por reforzar a cooperación entre administracións como a mellor vía para poñer en marcha proxectos como este, que benefician de forma directa á cidadanía e ao tecido económico local a través do fomento dunha fonte de enerxía autóctona, económica e limpa. De feito, a nova caldeira deixará de emitir preto de 39 toneladas de CO2 ao ano.

Así mesmo, o director xeral lembrou que o traballo conxunto levado a cabo no municipio lucense ten permitido tamén impulsar actuacións de aforro e eficiencia enerxética en iluminación pública nos últimos tres anos. As obras desenvolvidas neste eido teñen permitido diminuír a súa factura eléctrica en arredor de 22.000 euros anuais, acadando ao mesmo tempo unha diminución nas emisións de CO2 de preto de 90 toneladas.

23 de decembro de 2015 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.