Sergas e Concello de Vigo analizan diversas alternativas de acceso ao futuro aparcadoiro municipal do hospital Álvaro Cunqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Esta mañá celebrouse unha xuntanza con participación de técnicos do Servizo Galego de Saúde, da Axencia de Infraestruturas e do Departamento de Urbanismo do Concello de Vigo, onde a Xunta ofreceu aos representantes municipais a súa total colaboración e disposición para atopar a solución máis axeitada para os accesos ao Hospital Álvaro Cunqueiro dende o aparcadoiro municipal. Neste sentido, facilitóuselles a dispoñibilidade dos técnicos da Administración autonómica para que participen durante a fase de redacción do proxecto.

Na reunión analizáronse distintas propostas de solucións técnicas. Así, valorouse traballar sobre a alternativa de conexión na rotonda de acceso a urxencias, presentando a necesidade dun estudio de fluxo de tráfico que analice a súa capacidade, a posibilidade de ampliación da rotonda para aumentar a súa capacidade, ou solucións que dean alternativas de enlace dende a propia rotonda ou sen necesidade de entrar nela.

Tamén se considerou necesario analizar o funcionamento do tráfico dentro do propio aparcadoiro, co obxecto de evitar que a espera se concentre na propia entrada; e a conveniencia de buscar un acordo entre o Sergas e o Concello para dispor de sistemas de sinalización que informen ao usuario da súa situación -libre ou completo- e para que o Concello colabore na ordenación do tráfico no Hospital, evitando o estacionamento nas propias vías.

30 de decembro de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.