publicidade hoxe

Sen vento na terceira etapa da Regata Nadal – Trofeo Manuel Nores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMarín
A-
A+
Pouco vento na regata

Pouco vento na regata

Non houbo sorte este pasado sábado na Ría de Pontevedra con motivo da consecución da terceira etapa da regata de Nadal Trofeo Manuel Nores que está a organizar o Real Club de Mar de Aguete coa colaboración do Concello de Marín. E é que as previsións meteorolóxicas que auguraban un vento frouxo pero suficiente de compoñente oeste non se cumpriron en absoluto e o aspecto da Ría á hora da saída non vaticinaba nada bo, con vento do nordeste frouxo e sen intención de cambiar en polo menos unha hora, polo que o Comité de regata optou por facer unha saída directa en rumbo de popa para gañar tempo ata que entrase o virazón previsto.

Para os ORC púxose un percorrido de 12 millas pasando tres veces polas balizas de Morrazán e Pelados para que tivesen un barlovento/sotavento tanto ao principio como cando rolase o vento. Os clásicos facían un percorrido de soamente 4 millas subindo a Morrazán.

Pero a esperada entrada do vento de poñente fíxose de rogar e a flota foi avanzando moi aos poucos en popa, con moitas alternativas nos postos de cabeza, xa que axiña que ía primeiro o MAUI – DVK, como tomaba despois a substitución o ZIRALLA por pártea norte, igual que o MEIGAS FORA, ou o GRIFO polo sur xunto ao ENXUTO e mesmo o YOUN KOUN KOUN que a pesar de saír fóra de liña e retornar, recuperou posicións inmediatamente.

Máis dunha hora tardaron os primeiros en virar a primeira baliza cando comezou a entrar o vento esperado de poñente que chegou mesmo até os 7 nós de intensidade, pero apenas durou outra hora ata que comezou novamente a acougar, sobre todo fronte ao club de Aguete onde a calma era case total.

Novamente alternativas na cabeza sumándose incluso o AERIS polo centro ou o SEBRALA polo norte entre as bateas. O comité tentou ver a posibilidade de acurtar o percorrido, pero o tempo transcorrido excedía baliza a baliza o límite admitido segundo a distancia, así que finalmente todo se acabou sen que ninguén puidese entrar en tempo mentres a calma facíase case por completo en toda a ría.

7 de decembro de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.