Sanidade xa dispón dun novo mamógrafo en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

Seguir desenvolvendo coa tecnoloxía máis vangardista o Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama é o obxectivo da posta en funcionamento dun novo mamógrafo na unidade de exploración emprazada na Xefatura Territorial de Sanidade en Ourense. Este novo equipamento permitirá a dixitalización completa do programa nesta provincia, incrementando a eficiencia diagnóstica.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, lembra que a incorporación deste material é posible grazas a un convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Amancio Ortega. O acordo asinouse o pasado mes de outubro e permitirá incorporar novos mamógrafos dixitais nun total de 16 centros da Comunidade Autónoma, entre eles o de Ourense.

Os beneficios mais destacables do novo equipamento son: a mellora da calidade da imaxe, xa que aumenta a sensibilidade e especificidade do programa en mulleres premenopáusicas ou con mamas moi densas e posibilita utilizar novas técnicas para detectar tumores invasivos e disminuir necesidade de probas adicionais; a mellora no proceso clínico, ao posibilitar a avaliación inmediata polos radiólogos e integración das imaxes na historia clínica electrónica; e, por último, o aforro de custos na xestión diaria do programa, xa que non se necesitan nin placas radiolóxicas convencionais, nin equipos nin líquidos de revelado.

25 anos do Programa

No ano 2017 cumpriranse 25 anos do inicio do Programa galego de detección precoz de cancro de mama(PGDPCM), unha actividade preventiva desenvolvida pola Consellería de Sanidade na que todas as mulleres residentes en Galicia entre 50 a 69 anos reciben no seu domicilio unha invitación personalizada cada 2 anos para a realización dunha mamografía de cribado.

Coa súa posta en marcha levase conseguido reducir o risco de morrer por esta causa e o número de mortes observadas, aumentando a supervivencia relativa das mulleres diagnosticadas deste cancro dentro do PGDPCM en 13,5 puntos porcentuais respecto as mulleres diagnosticadas á marxe do mesmo: 96,6% fronte a 83,1% aos 5 anos.

Na provincia ourensá 342.630 mulleres recibiron a invitación dende o 1992, das que acudiron 264.085. A participación media no período completo é dun 77%, aínda que nos últimos anos sitúase por riba do 80%, superando amplamente os estándares óptimos que marcan os criterios de calidade. Dende o inicio do programa, na provincia detectáronse 879 casos de cancro.

17 de decembro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.