publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

San Sadurniño abre o prazo de alegacións ao documento inicial do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este martes, día primeiro de decembro, empezou a contar o prazo de dous meses para presentar alegacións ao documento inicial do PXOM. As solicitudes deberán presentarse no rexistro municipal en calquera das fórmulas permitidas pola lei e nunha folla normalizada que xa está dispoñible para descarga no apartado da web dedicado ao planeamento, onde tamén se pode atopar a cartografía de todo o concello e outra documentación de interese.

Persoal técnico e do equipo de goberno percorreu nas últimas semanas as sete parroquias do municipio para expor as liñas mestras do PXOM aprobado inicialmente no pleno ordinario de novembro. Un documento co que se quere ordenar o chan de San Sadurniño para os próximos 20 ou 30 anos sobre o que xa fixeron as primeiras consultas máis dun cento de persoas. E é que o Concello publicou toda a documentación tan só dous días despois de aprobala, co obxectivo de que a xente tivese no seu poder a máxima información -e tamén coñecemento- no intre en que abrise oficialmente o periodo de información pública e alegacións ao planeamento.

O contido do plan encóntrase na web municipal e tamén está exposto no Concello, onde a arquitecta municipal atendende consultas os luns, mércores e venres. Ademais, ás asociacións facilitáronselles copias da cartografía dos núcleos para que calquera veciño ou veciña teña máis doado ver como quedan as súas terras nesta proposta inicial de ordenación do territorio.

A grandes trazos, o documento provisional do PXOM recolle como zona urbana o centro de San Sadurniño, así como 74 núcleos. Na zona rural o PXOM busca compactar as zonas poboadas tomando como punto de partida os núcleos tradicionais -aqueles que existían antes de 1956- e trazando arredor deles un radio de 50 metros para que poidan medrar sen fomentar a dispersión.

En termos xerais, nas zonas definidas como núcleo tradicional será posible edificar en leiras de 300 metros cadrados, mentres que nas restantes áreas caracterizadas como núcleo rural común será necesario dispor de 1.000 metros cadrados (2 ferrados). Cómpre sinalar que aquelas vivendas que quedasen en chan rústico ou aquelas que, sendo antigas, non estean dentro de núcleo, poderán ser reparadas ou rehabilitadas. Por outra banda, a construción de vivendas en terreos rústicos estará permitida só nos casos en que estean vencelladas a unha explotación agraria en activo.

Desde o Concello insístese en que a veciñanza revise o documento do planeamento e que alegue todo o que estime conveniente, posto que o PXOM é nestes momentos unha proposta que pode modificarse dentro dos límites que establece a normativa autonómica sobre o chan. As alegacións teñen que ir nunha folla normalizada na que só será necesario consignar os datos persoais da persoa solicitante, a referenza catastral da leira á que se refire a alegación, o número de plano do PXOM onde se encontran os terreos e unha breve explicación na que quede o máis clara posible a petición que se fai. Canda ela poden adxuntarse fotografías, planos, croquis e canta información se considere de axuda. 

Todas as alegacións presentadas dentro de prazo serán informadas por persoal técnico e aquelas que conten cun ditame favorable incorporaranse ao documento do planeamento que, malia todo, aínda deberá ser informado en segunda instancia por distintos departamentos da Xunta antes de poder ser aprobado definitivamente.

1 de decembro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.