Rumpelstikin, o Anano Saltarín, chega a Ames das mans da compañía Trompicallo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesCalendario
A-
A+

A compañía Trompicallo leva case vinte anos dándolle vida a diferentes historias empregando os monicreques. Desta volta, o día luns 21 de decembro, ás 17:00 horas, presentan na Casa da Cultura do Milladoiro un conto ben coñecido para todos os públicos: a historia de Rumpelstikin, o anano saltarín.

O espectáculo nace da colaboración de Trompicallo con outra compañía, a Kalina Teatro, buscando adaptar de xeito orixinal esta historia da tradición oral recollida no seu momento polos irmáns Grimm. Rumpelstikin conta as desventuras dunha rapaza que se atopa ante unha tarefa imposible: converter, para o rei do seu país, unha morea de palla en fíos de ouro. Unha visita inesperada ofreceralle axuda á rapaza para cumprir os desexos, cada vez máis cobizosos, do monarca. Un anano saltarín que, sen revelar o seu nome á moza, ofrécese a levar a cabo a transformación de palla en ouro a cambio de favores cada vez máis temibles.

Este conto fálalles aos nenos e nenas da pobreza e da riqueza, da falta de comunicación entre os máis ricos e aqueles que menos teñen, pero tamén do que sucede cando alguén toma as rendas das nosas vidas e da perda da liberdade. Trompicallo consegue, cos seus monicreques e con sombras chinesas, relatar a historia de Rumpestikin de xeito divertido e entretido para os pequenos. A obra, coma o resto das representacións que se ofrecerán en Ames durante a programación de Nadal, é gratuíta.

18 de decembro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.