Rivera apela ao cambio a través dun vídeo na Coruña
A líder de Ciudadanos en Cataluña, Inés Arrimadas, cualificou o debate deste luns entre os candidatos do PP e o PSOE á presidencia do Goberno, Mariano Rajoy e Pedro Sánchez, respectivamente, como “a maior demostración de que se acabou unha era política”.
Nun mitin no Palacio da Ópera da Coruña, ante unhas 300 persoas, sinalou que ambos “seguen na teoría dos bandos”. “Nin podían porse de acordo en que os dous o fixeron bastante mal”, indicou sobre o contido do debate.
“España necesita un proxecto de país, non de partidos”, recalcou tamén comparando, pouco despois, cun edificio o que proxecta cada formación para o país. “O PP quere darlle unha man de pintura azul, o PSOE, vermella, e Podemos, dinamitar o edificio desde centro”, engadiu en alusión á súa proposta dun referendo en Cataluña.
CIUDADANOS E O “CENTRO”
Tamén incidiu en que Ciudadanos representa “a rexeneración sensata” e “a igualdade de oportunidades, con propostas para crear emprego”. Mentres, reivindicou a figura de Albert Rivera como o único “capaz de unir aos españois”. “Ciudadanos é o partido idóneo para xerar consensos porque está no centro”, apostilou.
Por outra banda, contrapuxo as propostas de Ciudadanos, entre as que citou a rexeneración democrática, coas “dos vellos partidos”, dos que dixo que carecen “de proxecto de país”. “Un pouco pobre dicir que van derrogar todo o que fixo o PP”, remarcou, en particular, sobre o programa do PSOE.
SEGUNDA TRANSICIÓN
No seu discurso, fixo tamén un chamamento á participación. “Non imos votar polo menos malo”, apostilou ao insistir en que nestes comicios se vota para participar “nunha nova etapa de cambio”. “Para facer unha segunda Transición”.
Na mesma liña, recalcou que é o momento de “participar dun cambio político en España e recuperar o consenso e o diálogo”, citando, entre outras cuestións, a súa proposta dun pacto pola Educación.
“Os grandes cambios de España viñeron polo centro”, volveu a sinalar reivindicando este espazo para Ciudadanos e lembrando a figura do expresidente do Goberno, Adolfo Suárez. “Nin Rajoy nin Pablo Iglesias nin Pedro Sánchez poden dar estabilidade”, insistiu tras arremeter antes contra “a política do medo do PP”.
Ademais, mostrouse convencida de que Ciudadanos logrará nestes comicios o que conseguiu nas eleccións catalás. “Ímolo a volver facer”, apuntou. Para iso, apelou á “mobilización” dos seus simpatizantes e militantes para “animar” a votar aos cidadáns.
DISCURSO DE RIVERA EN VÍDEO
O mitin comezou coa exhibición do vídeo de Ciudadanos nesta campaña electoral e despois outro do seu candidato á Presidencia, Albert Rivera, ausente debido ao funeral polos policías mortos en Cabul.
No entanto, Rivera mandou “alento” aos militantes e simpatizantes de Ciudadanos. “Estou convencido de que a maioría dos españois queren cambio e convencido de que algúns compañeiros galegos ídesme a acompañar no Congreso dos Deputados”.
“Imos liderar unha nova etapa”, sinalou tamén. Mentres apelou á “participación”, que considerou “decisiva”. “Se non queremos ver o que vimos onte á noite nese debate do bipartidismo decadente”, dixo sobre o protagonizado polos líderes do PSOE e PP, Pedro Sánchez e Mariano Rajoy.











