Rey Varela subliña a importancia dos maiores na sociedade actual e anuncia un incremento do 10% no convenio con FETEGA

Rey Varela na visita ás instalacións. Foto: M. Fuentes
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou na mañá de hoxe as instalacións da Federación Territorial de Asociacións Provinciais de Pensionistas e Xubilados de Galicia (FETEGA-UDP) sita na cidade da Coruña. Alí, o conselleiro subliñou a importancia dos maiores na sociedade actual como “o mellor patrimonio do país” e reivindicou o “papel protagonista” que ten este colectivo tanto nos orzamentos como nas políticas da área social do Goberno autonómico. Nesta liña, Rey Varela anunciou un incremento dun 10% no importe do convenio que a Xunta de Galicia asina anualmente con FETEGA ata acadar os 30.800 euros. Ao abeiro deste acordo, no que a Xunta leva investidos 150.700 euros desde 2009, a Federación realiza programa de actividades para maiores.
Na súa intervención, o responsable da carteira social sinalou como tarefa do Goberno autonómico posibilitar un “envellecemento activo e libre de dependencia a través da prevención”. Neste senso, avanzou que a actualización do Plan rexional de Persoas Maiores está en fase de elaboración e será aprobada proximamente no Consello da Xunta.
O conselleiro fixo balance dos logros do Goberno da Xunta desde 2009 en materia de maiores entre os que destacou o aumento a ratio da poboación atendida con dependencia do 30% ao 60%; o incremento dos centros de atención diúrna nun 98%; o aumento dun 25% das residencias para maiores; o incremento dos centros de día nun 77%; a subida das prazas de atención a persoas con discapacidade nun 15%, o aumento dun 50% dos servizos de teleasistencia; ou a subida do Servizo de Axuda no Fogar nun 113%.
Máis recursos aos maiores
Na visita á sede de FETEGA, o responsable da área social manifestou que “a promoción do envellecemento activo e da autonomía das persoas maiores é un dos piares desta Consellería”. Así, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros.











