Rey Varela aposta pola colaboración con entidades como a ONCE para mellorar as políticas de benestar en Galicia

Rey Varela na inauguración das xornadas
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na inauguración das I Xornadas de Servizos Sociais para afiliados da ONCE Galicia, que tiveron lugar no Centro de Recursos Educativos que esta entidade ten en Pontevedra. Ao redor de 80 profesionais –psicólogos/as, técnicos/as en rehabilitación, traballadores/as sociais ou instrutores/as de braille, entre outros- déronse cita neste encontro, que tamén contou coa presenza da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez. Por parte da ONCE, entre os responsables que asistiron a este acto de apertura estiveron o presidente do Consello Territorial e o delegado territorial, Carlos José Fernández Lamigueiro e Manuel Martínez Pan, respectivamente.
Na súa intervención, Rey Varela referiuse á traxectoria de case 80 anos da ONCE na loita pola integración e na aposta polo benestar das persoas con discapacidade e as súas familias, tempo durante o que “ten conseguido que en España e en Galicia as persoas cegas ou con problemas graves de visión dispoñan dunha rede integrada e completa para atender as súas necesidades de desenvolvemento autónomo e inclusión social”. E ao fío disto, engadiu que “ademais de ter logrado converterse nun referente imprescindible no eido social, a ONCE é hoxe sinónimo de ilusión”.
Así mesmo, o titular da carteira de Política Social indicou que a Xunta “comparte coa ONCE un obxectivo fundamental polo que traballamos día tras día: dar resposta ás necesidades das persoas e, sobre todo, ás que son máis vulnerables”. Neste sentido, sinalou que entre as liñas de traballo da Consellería está a de intensificar a colaboración coas organizacións, entidades e axentes sociais que, como é o caso da ONCE, centran os seus esforzos no ámbito da discapacidade porque “as políticas sociais non se poden facer de costas á sociedade, senón todo o contrario”, dixo. Nesta liña, Rey Varela insistiu en que “dende a nova Consellería de Política Social estamos escoitando moito ás entidades do sector e vendo as marxes de mellora nas políticas sociais ás que o Goberno galego destinará en 2016 un 12% máis de recursos; e o importante é que este aumento orzamentario chegue ás familias e aos colectivos máis vulnerables”.
Accesibilidade
Rey Varela detallou algúns dos eixes estratéxicos que marcarán a actuación da Consellería de Política Social o vindeiro ano, como destinar máis recursos económicos ás entidades de iniciativa social, a convocatoria dunha liña de axuda para a posta en marcha dun programa para a eliminación de barreiras arquitectónicas, o aumento de prazas públicas para as persoas con discapacidade en colaboración directa coas entidades ou continuar co traballo de implantación da Lei de Accesibilidade, que entrou en vigor o pasado mes de marzo.
Por último, o responsable autonómico de Política Social recoñeceu o traballo dos profesionais de diversas especialidades que están adscritos á área de servizos sociais da ONCE en Galicia, un amplo equipo multidisciplinar que atende a máis de 3.700 persoas cegas ou con discapacidade visual grave que están afiliadas a esta organización na nosa Comunidade Autónoma.











