publicidade hoxe

Raxería Al Alba repite triunfo no concurso “De tapas por Frades” co seu “Solombo con salsa demiglace”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Tapa gañadora

Tapa gañadora

Raxería Al Alba e o seu “Solombo con salsa demiglace” repetiu triunfo na segunda edición do concurso “De tapas por Frades”, organizado polo Concello de Frades. Unha iniciativa que foi todo un éxito, mellorando incluso os resultados da primeira edición xa que o número de participantes no sorteo ascendeu a 294 persoas, un 62,4% máis ca en 2014. Se temos en conta que para ser válidas tiñan que ter consumido como mínimo 5 tapas, só cos que participaron no sorteo xa se superaron as 1.470 tapas nos tres días de concurso.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosouse moi satisfeito co desenvolvemento desta primeira iniciativa xa que “durante os tres días tivemos incluso máis xente co ano pasado nos bares participantes, que calculamos que chegaron a entregar máis de 2.000 tapas. Incluso houbo establecementos que quedaron sen existencias e tiveron que improvisar unha nova tapa aló mesmo”. Así mesmo, Rey Martínez agradeceu o traballo realizado polos oito locais participantes no concurso e a gran acollida que houbo entre os clientes, asegurando que “a promoción de Frades é unha das prioridades deste equipo de Goberno, polo que faremos máis edicións deste concursos con novas ideas e propostas para dar a coñecer este fermoso concello”.

Premios

Se Raxería Al Alba repetiu triunfo, os votos dos 294 participantes no concurso decidiron que o segundo premio fose un ano máis para o Bar Vilariño, nesta ocasión polo seu “Revolto de Chourizo”. O alcalde de Frades entregará os premios durante a próxima semana aos locais premiados: 300 euros e placa conmemorativa para Raxería Al Alba e 150 euros para Bar Vilariño. 

Así mesmo, o Concello de Frades realizou o sorteo dos premios entre os 294 clientes que tomaron parte no concurso “De tapas por Frades”. Un sorteo no que resultaron premiados: Juan Carlos Lueiro Villaverde (Santiago), que gañou unha cea para dúas persoas na Raxería Al Alba; e Laura Blanco Mosquera (Ponte Carreira-Frades), que gañou un circuíto termal para dúas persoas. 

Os locais participantes este ano foron: Casa Vella (Abellá) e Café Bar “Xiada”, taberna “O noso mesón”, hostal-restaurante “O Cadaval”, raxería “Al Alba”, Taberna “O Mesón”, adega “A Coviña” e café-bar “Vilariño”, todos eles en Ponte Carreira.

15 de decembro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.