Rafael Cuíña solicítalle ao ADIF a cesión ao Concello de diferentes propiedades para uso público e social
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, mantivo esta mañá en Madrid unha reunión coa xefa de área de seguimento e concertación da subdirección de Desarrollos Inmobiliarios y Obras do ADIF, Sagrario Peraleda Díaz. Nese encontro, o rexedor trasladoulle a solicitude para a posible cesión ao Concello de diferentes propiedades que se queren destinar a uso público e social.
Entre elas, por exemplo, están as escombreiras que o Ministerio de Fomento ten en Lalín e que se crearon durante as obras de construción da liña do AVE. Tal e como xa lle explicara a Cuíña a ministra Ana Pastor, estas escombreiras non teñen agora mesmo ningunha utilidade para Fomento, que podería cedelas por un prezo simbólico para que o Concello de Lalín actúe nelas e as empregue para o que considere máis oportuno.
Na reunión desta mañá, Cuíña tamén solicitou a cesión das casas dos camineros. Trátase de catro bloques de vivendas, emprazados en Donramiro, que tamén pertencen ao Ministerio de Fomento, e que na súa maior parte están deshabitados. Por este motivo e, tras realizar unha valoración da situación actual da urbanización, o Goberno de Lalín decidiu realizar a solicitude de traspaso.
Tal e como explicou Rafael Cuíña, o estado dos inmobles require dunha considerable rehabilitación. O uso que se lle dará ás edificacións no caso de recibir unha resposta afirmativa aínda está por estudar, mais todo apunta a que un bo proxecto para as mesmas sería o de dedicalas a fins sociais. Con este mesmo obxectivo tamén se solicitou a cesión ao Concello das vivendas que o ADIF posúe na estación de Botos.











