Quintana enxalza o labor do GAC do seo de Fisterra-Ría Muros Noia na posta en valor do sector marítimo pesqueiro

Quintana na Peixería turística Mar Viva II
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou o labor do Grupo de Acción Costeira 4, Seo de Fisterra-Ría de Muros Noia na posta en valor do sector marítimo pesqueiro da zona. Foi durante a visita que realizou á Peixería turística Mar Viva II, un proxecto promovido polo GAC 4 no municipio de Corcubión.
A conselleira coñeceu as novas instalacións da antiga peixería Mar Viva, recentemente reformada e na que se habilitou un cocedoiro de polbo e dúas zonas para a preparación e degustación de bivalvos e crustáceos.
Rosa Quintana fixo fincapé en que nas instalacións se poderá degustar e mercar desde hoxe “Polbo de lonxa” –marca coa que se identifica o polbo das confrarías da zona- e tamén bivalvos e crustáceos cociñados. Nesta liña, destacou que estamos diante “dun dos proxectos que cubre todos os parámetros que potenciamos e apoiamos desde a Consellería do Mar, como é a divulgación dos produtos do mar, a creación de emprego, a fixación de poboación nas zonas costeiras e a potenciación do turismo mariñeiro”.
A conselleira lembrou que entre 2010 e 2014 desenvolvéronse máis de 400 iniciativas dos GAC, que xeraron preto de 250 empregos. Algúns destes proxectos foron seleccionados dende a Comisión Europea, a rede FARNET e o MAGRAMA como exemplos de boas prácticas para o resto de Europa, polo que “hai que subliñar a súa calidade”, dixo. Nesta liña, recalcou que “queremos que isto siga a ser así” de aí a aposta decidida de Galicia polo mantemento desta estratexia no período 2014-2020.
Grupos de Acción Costeira
Os Grupos de Acción Costeira son unha ferramenta de participación do sector pesqueiro que teñen como obxecto poñer en marcha proxectos que permitan fortalecer e dinamizar as zonas costeiras. En Galicia actualmente hai 7 GACs que contan coa implicación directa de máis de 330 entidades, entre elas un número importante de confrarías de pescadores.











