Publícase no DOG a licitación das obras de reparación da Ponte do Milenio cun investimento de 585.000 euros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de reparación da Ponte do Milenio, en Ourense, cun investimento de preto de 585.000 euros. O prazo de admisión das propostas rematará o vindeiro 23 de xaneiro. No seguinte enlace pódese consultar o anuncio publicado hoxe no DOG.
Cómpre lembrar que a semana pasada a Xunta e o Concello de Ourense asinaban o convenio de colaboración para acondicionar esta infraestrutura e formalizar a súa entrega á Administración local, o que clarexará definitivamente as dúbidas ao respecto da titularidade da ponte.
As obras a realizar pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) consistirán no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, executarase a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de rodadura.
En relación coas accións de conservación, retiraranse a vexetación e liques e canalizarase a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.
Estas accións poñerán de novo a punto e devolverán toda a funcionalidade a unha infraestrutura que é estratéxica, desde o punto de vista da mobilidade; cun gran atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade; e emblemática xa que, logo de anos, a ponte tense convertido nun elemento representativo da cidade.
Características da ponte
A Ponte do Milenio foi executada pola Xunta de Galicia entre os anos 1999 e 2001 e, tras máis de 14 anos en servizo non presenta danos estruturais pero cómpre realizar unha serie de actuacións para contribuír ao seu bo mantemento e a unha mellor conservación. A principios de 2015, a AXI contratou unha inspección do estado de conservación da ponte e o informe elaborado recomenda realizar unha serie de actuacións para preservar manter ou recuperar o nivel de servizo dalgunhas das súas partes, de cara a ampliar a vida útil da estrutura.
A Ponte do Milenio sobre o río Miño é unha infraestrutura atirantada de 275 metros de lonxitude que se distribúen en catro vaos. Forma parte dunha estrutura viaria que conecta no seu extremo norte coa estrada nacional N-525 e no seu extremo sur coa rúa Pardo de Cela, de titularidade municipal.
A ponte construíuse entre 1999 e 2001 co obxectivo de pechar ao tráfico rodado a ponte romana de Ourense, que soportaba un volume de tráfico que poñía en perigo a súa conservación. A súa función principal é servir de cruzamento do río Miño para comunicar ambas as marxes da cidade de Ourense, e é unha infraestrutura estratéxica para a cidade.
A singularidade da estrutura radica na pasarela peonil de formas curvas que rodea a parte superior dos pilonos e descende sobre o río Miño uns 6 metros por debaixo da rasante. Este é un grande atractivo turístico por ofrecer unha visión panorámica da cidade de Ourense.











