Populares e socialistas votan xuntos que a Semana Santa compostelana sexa festa de interese turístico
Os votos a favor dos grupos do PP e do PSOE aprobaron este luns no pleno do Concello de Santiago unha proposición para solicitar a declaración da Semana Santa compostelana como festa de interese turístico de Galicia.
A iniciativa, que propuxo o PP, contou coa oposición do grupo do BNG, que non viu esta iniciativa “unha prioridade política”, mentres que Compostela Aberta se abstivo, pedindo políticas turísticas de carácter máis “integrador”.
Durante a defensa da proposta, o popular Agustín Hernández reivindicou a “importancia cultural” da Semana Santa de Santiago, “por enriba de credos e ideoloxías”, e reclamou o apoio das administracións públicas a esta celebración.
Por iso, pediu que o concello presente ante a Xunta a documentación necesaria para solicitar esta distinción atendendo a cuestións como a súa “singularidade”, a “continuidade no tempo”, a “antigüidade” e o “arraigamento social”. “Queremos que se dea un paso máis e que ese recoñecemento sexa de toda Galicia”, reivindicou Hernández.
Este recoñecemento, indicou Hernández, “repercutirá na promoción da imaxe de Santiago” e no impulso dos seus recursos turísticos, ao tempo que permitirá a Semana Santa de Compostela “recibir axudas e subvencións por parte da Xunta”.
APOIO DO PSOE
O grupo socialista municipal deu o seu apoio á iniciativa destacando que esta designación permitiría incrementar a repercusión turística da Semana Santa de Santiago.
En concreto, o socialista Paco Reyes mostrouse “de acordo” na necesidade de “promover” esta cita, o que leva consigo “a promoción da cidade” e a “desestacionalización do turismo”. Tras recordar que “o turista cultural é o máis rendible”, Reyes apoiou a posibilidade de acceder a subvencións autonómicas.
ABSTENCIÓN DO GRUPO DE GOBERNO
Pola súa parte, o grupo de Compostela Aberta, aínda que non se mostrou partidario desta medida, se abstivo na votación.
A edil Marta Lois argumentou na súa intervención que algúns dos criterios citados polos populares, como o arraigamento social desta cita, deben valorarse con “certa cautela” e acusou o PP de “sobredimensionar” a significación da Semana Santa de Santiago.
Dende o goberno local, Lois comprometeuse a “facer unha defensa da Semana Santa” pero dende un “carácter máis integrador”, que “englobe” esta celebración con “outros elementos”, de modo que sexa “unha Semana Santa para toda a veciñanza”.
Finalmente, o BNG votou en contra da iniciativa indicando que non se trata dunha “prioridade política”. “Dende o noso punto de vista, a prioridade turística de Santiago é que as persoas poidan saír do centro e coñecer a cidade no seu conxunto”, dixo Goretti Sanmartín, que pediu actividades culturais e políticas para toda a cidadanía.
COMISIÓN DE CONDECORACIÓNS
Por outra banda, o pleno do Concello de Santiago aprobou este luns a convocatoria da Comisión de Condecoracións municipal e a redacción dunha nova regulamentación para este órgano, dado que a actual data do ano 66.
A iniciativa foi presentada polo grupo socialista e contou co apoio de Compostela Aberta e do PP, mentres que o BNG se abstivo. Durante a defensa da iniciativa, o socialista Paco Reyes avogou por “introducir modificacións substanciais” na concesión de distincións e por buscar unha regulamentación coa “maior unanimidade social posible”.
Na mesma liña, o popular Alejandro Sánchez-Brunete confiou en que unha nova normativa permita conceder distincións “con certo fundamento” e co “maior acordo posible”, de modo que poida evitarse “debates sobre retirar condecoracións á Virxe María en calquera das súas advocacións”.
Tamén o edil de Compostela Aberta Manuel Dios se mostrou de acordo en modificar esta regulamentación e avanzou que o grupo de goberno convocará esta comisión con este fin, así como co obxectivo de “revisar as condecoracións” xa concedidas, xa que “na lista figuran algunhas persoas que son un verdadeiro insulto á democracia”.
Finalmente, a nacionalista Goretti Sanmartín a anunciado a abstención do seu grupo explicando que o BNG considera mesmo que non é necesaria unha comisión de condecoracións, dado que os “limitados” casos nos que sería necesaria unha distinción así poderían tratarse na Xunta de Portavoces.











