Pilar Rojo reclama unidade ante a lei do medo do terrorismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, delegada rexia na Ofrenda de Translación deste ano, reclamou “unidade e consenso” para facer fronte ao “radicalismo” e a “lei do medo” do terrorismo e pediu o Apóstolo Santiago “protección” para os refuxiados.

Durante a súa ofrenda ante o Apóstolo, Rojo recordou que a sociedade vive “momentos de axitación” nos que “a escuridade do radicalismo pugna contra a luz da liberdade” e instou a “non seguir tolerando a persecución que sofren os cristiáns polo feito de ser cristiáns”.

“A liberdade relixiosa non pode verse vulnerada por interpretacións violentas de certas ideas, interpretacións que particularmente agriden aos cristiáns,”, apuntou, tras pedir que os dereitos sociais “non se vexan minguados pola intransixencia e o radicalismo”.

Neste panorama, a oferente recordou que o terrorismo “se converteu nunha lacra do século XXI” e pediu “unidade e consenso” contra a “lei do medo”. “Non nos derrotarán porque a verdade e a razón perténcelles aos demócratas”, resolveu.

A maiores, tivo palabras de recordo para a crise dos refuxiados que “foxen de zonas de conflito” e apostou por “articular os procedementos e axuda necesarios” para paliar a súa “situación de vulnerabilidade”. Para eles, especialmente para os nenos, pediu a “protección” do Apóstolo Santiago.

No seu discurso, Pilar Rojo tivo referencias tamén para a “inadmisible” discriminación da muller e para o recén estreado Ano da Misericordia que, co seu xubileu extraordinario, terá “un efecto positivo” nos “corazóns” dos cristiáns.

30 de decembro de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.