Péchase a rolda de contactos para a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo

Alberto Pazos na reunión con portavoces municipais
O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, reuniuse hoxe cos portavoces municipais con representación no Concello de Vigo que non participaran na reunión da pasada semana para informarlles dos avances na posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo. Na reunión participou tamén o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.
Pazos Couñago, que pechou así os contactos cos 14 concellos que integrarán o ente de representación supramunicipal, constatou o malestar de ambos os dous portavoces por non teren sido invitados por parte do alcalde á reunión da pasada semana, ademais de non recibir tampouco a documentación facilitada pola administración autonómica, que hoxe xa tiveron á súa disposición.
Ambos os dous representantes municipais coincidiron no necesario liderado de Vigo na Área Metropolitana, pero destacaron que ese liderado ten que exercerse desde o consenso. O director xeral informou tamén sobre aos dous representantes municipais sobre asuntos concretos sobre os que se veñen traballando nos últimos meses. É o caso da gobernanza, sobre a que se coincide na defensa do voto ponderado, pero sempre con consenso; ou o sistema de financiamento, para o que existe un acordo xeneralizado coa proporcionalidade formulada desde o Goberno galego.
Durante a reunión, Pazos Couñago tamén constatou a coincidencia dos representantes municipais coa maioría dos concellos integrados na área metropolitana sobre a necesidade de que o Concello de Vigo se integre no Plan de Transporte Metropolitano, que xa está en marcha na súa área, nos mesmos termos que os demais concellos e integrando o transporte urbano.
Os representantes municipais lamentaron que a día de hoxe os cidadáns de Vigo non se poidan beneficiar do Plan de Transporte Metropolitano do mesmo xeito que os veciños da súa área e incidiron na necesidade de que se poida desbloquear este asunto o antes posible.
Unha vez culminados estes encontros, o vicepresidente Alfonso Rueda convocará nas vindeiras semanas a todos os alcaldes a unha reunión para poñer en común as conclusións e buscar acordos nos puntos sobre os que aínda hai discrepancias.
Conclusións das xuntanzas
A primeira das conclusións que se extraen das xuntanzas mantidas é o convencemento profundo da maioría dos participantes sobre a necesidade de constituír de maneira efectiva a Área Metropolitana de Vigo, da que se derivarían importantes vantaxes para o conxunto da cidadanía.
Para acadar ese obxectivo, compre alcanzar un amplo consenso en torno a catro cuestións fundamentais que constituíron o núcleo esencial do debate. En primeiro lugar, a Gobernanza, debéndose atopar un punto de equilibrio nas demandas de representación de concellos de moi distinto peso poboacional. En segundo lugar, o financiamento, respecto ao que se demanda o mantemento da formula prevista no texto da Lei 4/2012, que garante a proporcionalidade das achegas realizadas polos concellos para o sostemento dos sistemas xerais da AMV.
O terceiro punto a consensuar é o relativo ao transporte metropolitano, ao considerar que constitúe o primeiro servizo básico que debe prestar a Área metropolitana, e que en si mesmo, xustifica a súa existencia. Por último, a coordinación institucional, reclamando da Xunta e da Deputación Provincial un compromiso inequívoco no proceso de transferencia de competencias que deberán acompañarse dos recursos financeiros que as sustentan.











