Ourense vestirase de gala na loita contra o cancro
Este venres ás 20.30h no Auditorio Municipal de Ourense, terá lugar a III Gala contra o Cancro en Ourense. Tras dúas exitosas edicións, volve este evento cheo de solidariedade que ofrece unha noite de música, danza e humor da man de consagrados artistas do panorama cultural de Galicia, xunto con futuras promesas da música.
Tralas actuacións da primeira edición entre as que estiveron Susana Seivane, Lucía Pérez, Daniel Minimalia e Emilio Rúa, e unha segunda edición coa música de Rosa Cedrón, Luís Emilio Batallán e Gustavo Almeida entre outros, o cartel presenta novas e coñecidas caras do mundo da música, a interpretación e o humor: os mestres de cerimonias da gala serán os protagonistas da obra sociocultural Vida e o director deste proxecto, Rubén Riós, á súa vez, organizador do evento a través do programa de responsabilidade social da súa produtora, Claqueta Coqueta. Eles serán os encargados de dar paso, a un conxunto de actuacións musicais que amenizarán a velada no Auditorio: Xosé Manuel Budiño, gaiteiro moañés distinguido con múltiples premios e que acaba de presentar o seu disco “Déixame adiviñar”, Guadi Galego, que chega á gala tras presentar o seu novo traballo “Lúas de outubro e agosto” co seu éxito Matriarcas, un canto á muller e ás liberdades de xénero. O humor correrá a cargo de Pepo Suevos, cómico consagrado e actor de diferentes series e películas. Completan o cartel, as artistas Laura Novoa, Paula de Arzoá e a Escola de Baile Sabrosura.
As entradas están á venda na oficina da Asociación Española contra o cancro en Ourense (Calle Curros Enríquez, 26) ata as 15.00h do venres 11. A súa vez, Este na Rúa do Paseo, nunha mesa informativa á altura de Zara, tamén poderase adquirir a entrada en horario de 10 a 13.30h e de 17 a 20h. e a partir das 18.30h na billeteira do Auditorio Municipal de Ourense.
Numerosos colectivos e entidades públicas e privadas fan posible este evento grazas ao seu apoio: Concello de Ourense, Deputación Provincial de Ourense, A Banca, Academia Postal, Bico de Xeado, Castañam, Secreto Galaico, 20 de Vyrras, NH Ourense, Aleuto, Coasa, Pérez Rumbao, Anpian, Sousas e Adegas Galegas. A Organización do evento anima e fai un canto á solidariedade como reza o lema desta iniciativa ”A túa entrada é vida”.











