Os promotores de Pontevedra trasladan a súa preocupación pola anulación do PXOM de Vigo
O presidente da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra (Aproin) Javier Garrido, trasladou a “máxima preocupación” e “frustración” dos promotores de Pontevedra ante a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo por parte do Tribunal Supremo.
O tamén vicepresidente da Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia (Feproga), comunicou que a xunta de Aproin se reuniu na mañá deste martes con carácter de urxencia tras coñecer a resolución xudicial, que aínda “está a dixerir” e ante a que manifestou un “sentimento de máxima preocupación e frustración”.
Así, Garrido subliñou que os promotores senten frustrados ante a posibilidade de que, cando “por fin se estaban a albiscar certos aires de recuperación”, a resolución xudicial sobrevida poida malograr esa recuperación e, “mesmo a posibilidade de investimento foráneo”.
Ademais, remarcou que o PXOM non afecta unicamente ao ámbito edificatorio, senón que “ordena de forma trasversal” e, polo tanto, afecta “a multitude de sectores económicos”, entre os que mencionou os comerciantes e o porto. “O PXOM soporta todas as infraestruturas da cidade e determinadas estratexias de empresas; calquera cuestión a vai afectada, tamén en materia de emprego”, explicou.
Neste contexto, indicou que os promotores solicitaron ao presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, que convoque “de forma urxente” a todos os axentes afectados, unha petición ante a que, segundo Garrido, “se envorcou” e “aceptou de inmediato”.
Así mesmo, en canto a posibles accións por parte dos promotores de Pontevedra, o presidente de Aproin mostrouse cauteloso e dixo que esperarán a manter a reunión da CEP e a coñecer o posicionamento dos xuristas do Concello de Vigo para saber se hai unha estratexia concreta” e “cál é a profundidade da cuestión”.











