publicidade hoxe

Os ovos campeiros de Granja Campomayor xa contan co selo de garantía de Galicia Calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPalas de Rei
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega en Palas de Rei do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa lucense Granja Campomayor.

Con este recoñecemento, os ovos campeiros desta compañía poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con ovos certificados de catro empresas galegas: Coren, Pazo de Vilane, Avícola Tratante e agora Granja Campomayor. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá á empresa lucense incluír o distintivo ademais de nas etiquetaxes, nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

Granja Campomayor é unha empresa afincada en Palas de Rei (Lugo) dedicada á produción e comercialización de ovos para consumo e os seus derivados. Naceu en 1940 nunha antiga casa de labranza con 300 galiñas, e hoxe é unha das produtoras de ovos máis importantes de España. 

En 2012 iniciou a produción de ovo campeiro coa integración de 5 naves que aloxan 120.000 galiñas campeiras. Na granxa tamén colabora con granxeiros para a produción de ovo ecolóxico e ovos de codorniz. Ao día, saen das instalacións de Campomayor arredor de 600.000 ovos, chegando a 14 millóns de ducias ao ano.  A empresa vén de poñer ademais en marcha unha planta de pasteurización de ovo, que lle permite producir 100.000 kg ao mes deste produto. 

Granxa Campomayor é recoñecida pola súa alta calidade no produto, froito dunha filosofía de traballo desenvolta desde hai máis de setenta anos: esforzo, calidade e coidar o benestar dos animais a súa alimentación, estando na actualidade na cuarta xeración á fronte da empresa. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 53 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario. 

15 de decembro de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.