Os orzamentos do Concello de Lalín apostan pola creación de emprego e a recuperación económica en 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Os orzamentos municipais do Concello de Lalín para o vindeiro ano contemplan un incremento do 333 por cento nas partidas destinadas á promoción do emprego. Desta maneira pretende o Goberno, dentro das súas competencias nesta materia, pretende contribuír “humilde pero decididamente” a darlle solución a unha das grandes preocupacións dos lalinenses: a falta de traballo.

Segundo o alcalde, Rafael Cuíña, “a aposta polo fomento do emprego debe ser prioritaria xa que as elevadas cifras do paro levan aparelladas consecuencias para todo o tecido produtivo e comercial da comarca”. O desemprego é “un dos problemas máis dramáticos que nos deixou o PP e un dos grandes atrancos para a reactivación do consumo e polo tanto para a reactivación económica”. A maiores o alcalde afirma que  o incremento nos orzamentos para dinamización económica “é complementario á suba que tamén van experimentar o próximo ano as partidas para políticas sociais e que ten como principal obxectivo atender as necesidades das familias que máis o necesitan, entre elas as que están sen ingresos precisamente pola carencia de traballo”.

Canto ao emprego, a partida que inclúen os orzamentos elaborados polo Goberno para 2016 ascende a un total de 52 mil euros. Son 40 mil euros máis que a dotación que destinou a este mesmo fin o PP nos orzamentos deste ano. Para a concelleira Katia Procino, este incremento dá mostra da “evidente diferencia do lugar que ocupaba o emprego na escala de prioridades do anterior Goberno e do actual”. Deste xeito, “saímos dunha situación na que os cartos destinados a propiciar a reactivación laboral era case testemuñais a un escenario orzamentario no que este obxectivo -o de reducir na medida das nosas posibilidades as cifras do paro- é un deber inescusable que se marca o Goberno”. 

Para avanzar nesta prioridade o Concello ten previsto activar o vindeiro ano un programa de axudas municipais para a creación de emprego. Ao mesmo tempo duplícase a contía do programa de axudas a emprendedores, unha iniciativa que tamén busca colaborar de forma activa na xeración de emprego no concello de Lalín, apoiando a activación de novos proxectos empresariais. Poden acollerse a estas bolsas todas aquelas empresas privadas de nova creación sexa cal sexa a forma xurídica que adopten os promotores.

9 de decembro de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.