publicidade hoxe

Os Gardacostas e a Policía Autonómica comisan máis de 1.600 quilos de marisco en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSucesosTui
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar e da Policía Autonómica requisaron máis de 1.600 quilos de marisco nun operativo de control da comercialización realizado hoxe no quilómetro 31 da estrada A-55, á altura de Tui (Pontevedra).

A actuación desenvolveuse ao longo desta mañá e durante ela os axentes inspeccionaron 24 camións e a un deles requisáronlle 1.464 quilos de ameixa xapónica, 12 quilos de ameixa fina e 175 quilos de percebe por non estar debidamente documentados, xa que na documentación que amparaba a mercadoría non figuraba o seu destino. En total, este produto tería un prezo estimado no mercado duns 19.000 euros.

Este operativo enmárcase nos traballos de control de comercialización e transporte nos portos e estradas de Galicia e súmase aos de control da baixamar nas praias na loita contra o furtivismo que desenvolve a Xunta e as forzas e corpos de seguridade do Estado e de Galicia.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.

28 de decembro de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.