Os facultativos do Chuvi piden a dimisión do xerente e esixen ser escoitados para solucionar as deficiencias do HAC
Decenas de facultativos e outros profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) asistiron este mércores a unha asemblea na que esixiron a dimisión do xerente, Félix Rubial, e que a dirección lles convoque e escoite as súas formulacións para poder poñer solución ás “deficiencias” detectadas no novo hospital Álvaro Cunqueiro (HAC).
Na asemblea, os profesionais, encabezados por membros da comisión asistencial do Chuvi, pediron reiteradamente a dimisión de Rubial ao consideralo o “máximo responsable do adelgazamento” do novo hospital e da perda de 300.000 usuarios na área de referencia. “Se tivese dignidade tería que dimitir”, apostilaron sobre o xerente.
Os facultativos tamén criticaron que no proceso de apertura do novo hospital, non se lles consultou “para nada, a pesar do desastre que calquera vía vir”, e por iso reclamaron que se escoite os médicos como colectivo e que se volva reunir a comisión asistencial da área de Vigo.
Acerca dela, a doutora Carmen Albo sinalou que se trata dun órgano asesor da dirección, con entidade xurídica e con representación de todos os estamentos do hospital, que, non obstante, non foi convocado pola xerencia de Vigo dende hai uns sete anos, nin sequera para convocar as eleccións do órgano nin para consultalos sobre o traslado. “Non temos nin voz nin voto, resumiu.
Así as cousas, na asemblea o médico Jesús Araújo leu o borrador dunha carta que prevén modificar antes de enviala ao resto de traballadores e a medios de comunicación. Nela, fan un repaso ao proceso de apertura do novo hospital, baseado, baixo o seu punto de vista, nun “proxecto que se afasta do que se necesitaba”.
“PEORES CALIDADES”
Deste xeito, censuraron que no HAC aplicouse “un modelo asociado a peores calidades, menos servizos e funcións”, que sufriu “recortes” para “garantir a máxima rendibilidade” e que converteu o centro “nunha superficie comercial”. “Nos avergüenza e preocúpanos -velo- convertido nun gran negocio”, trasladaron.
A continuación, na carta mencionaron algunhas das súas esixencias, nas que ademais de pedir a dimisión de Rubial, reclaman entre outras cuestións que non haxa “máis deterioración”, a “eliminación de deficiencias”, a participación de traballadores do centro a través da comisión asistencial, o rescate da concesión, e a recuperación dos 300.000 usuarios con Vigo como área de referencia.
XEFES DE SERVIZO
Así mesmo, os facultativos fixeron fincapé en que a súa posición ten elementos de diferenciación respecto aos xefes de servizo, aos que culparon de ter “responsabilidade de conivencia coa dirección”.
De feito, entre o público, o neurólogo do HAC Manuel Núñez, criticou que estes dixeran que as queixas dos profesionais eran “inxustas” e “incertas”, e apuntou: “os xefes de servizo traizoáronnos”. Ademais, mantivo que os médicos teñen a percepción de que o foro de xefes de servizo “estivo a apoiar acríticamente a posición da dirección”.
Nesta mesma liña, a doutora Albo coincidiu en que o sentimento de traizón en relación aos xefes de servizo “é xeneralizado”, e subliñou que as declaracións destes “non transmiten o sentimento xeral dos profesionais”.
PROPOSTAS
Segundo remarcaron os voceiros na asemblea, o novo hospital foi concibido “dende as altas esferas” e, dende que se iniciou o traslado, rexistrou “problema tras problema” nos distintos servizos. Por iso, propuxeron poñer enriba da mesa os problemas que hai “servizo a servizo” para intentar “transformar o desastre que pode ser este hospital”.
Neste sentido, consideraron que a opinión pública pensa que o prezo do aparcamento representa “o 80 por cento dos problemas no hospital”, pero fixeron fincapé en que “ata agora non houbo máis que problemas” en todos os servizos. Neste sentido, avanzaron que se non se pon solución, “os problemas se van ir perpetuando”.
En opinión de Núñez, independentemente dos problemas de cada servizo, “o problema fundamental é a concesionaria”, que todos os vigueses están “condenados a sufrila outros 20 anos, e que iso ten difícil solución”. Mercedes Santos engadiu que “a ilusión é que as cousas funcionen, goberne quen goberne; queremos que as cousas e a sanidade pública funcionen”.
Na asemblea, os voceiros instaron a todos os profesionais a “empezar a moverse” para “que non sexan os de sempre, nin sexan catro os que protesten”, e propuxeron crear unha coordinadora de médicos e facultativos que representen a “loita polo hospital”. “Non somos cómplices calados deste desastre”, reivindicaron.
Polo momento, enviarán a carta presentada este mércores aos traballadores para recoller a súa opinión e convocaron unha nova asemblea o día 10, na que prevén asinar a carta coas súas posibles modificacións, analizar as “deficiencias” de cada servizo e dar a coñecer quen representará cada servizo na coordinadora.
En declaracións ao concluír a asemblea, os voceiros manifestaron que o obxectivo de todas estas actuacións é intentar que a dirección lles convoque para discutir os problemas do novo hospital, e, con iso, “mellorar o prestixio e mellorar a asistencia” sanitaria na área de Vigo.











