Os estudantes da Coruña traballan a educación en valores a través de obradoiros de radio e fotografía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O IES Fernando Wirtz e o IES Urbano Lugrís da cidade herculina acolleron o segundo obradoiro de educación en valores do proxecto ‘Cooperación Galega: O Mundo que queremos’, no que o alumnado puido descubrir o interesante mundo da radio e a fotografía e como utilizalos para sensibilizar ao seu ámbito máis próximo sobre aqueles temas que lles preocupan.

Deste xeito, o alumnado participante aprendeu con exemplos que viraron en torno a temáticas sociais e solidarias, os xéneros radiofónicos que existen, como crear un programa de radio dende cero, así como algúns consellos para mellorar a calidade das súas imaxes. Ademais tiveron a oportunidade de facer prácticas ‘in situ’ coa axuda dunha mesa de son e unha cámara fotográfica profesional, reforzando o proceso de aprendizaxe e facendo máis ameno o taller. 

Óscar Vázquez, responsable do obradoiro de fotografía sinalou que “o que se pretende é facer chegar ás rapazas e rapaces outras posibilidades e visións, tanto de aquí como de fóra. Conseguir que reflexionen sobre elo, que se cuestionen o porqué das cousas. Por suposto, que se expresen, no meu caso a través da fotografía, e nós escoitalos. É básico neste proxecto escoitar aos e as adolescentes. O obxectivo final do meu taller é que con esas imaxes creen unha mensaxe e que crean nela”. 

Tras os talleres o alumnado participante terá que crear os seus propios proxectos radiofónicos e fotográficos. 

O proxecto

‘Cooperación Galega: O mundo queremos’ é un proxecto de educación para o desenvolvemento, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta iniciativa educativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as realidades locais e as desigualdades globais, concienciando e implicando ás novas xeracións na responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis xusto e equitativo e utilizando para iso o potencial educativo da comunicación (podcast, imaxes, música e teatro) como medio para sensibilizar e transformar.

O fío temático do proxecto son os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado ‘teatro da oprimida’. 

O proxecto culmina coa visita aos centros educativos de persoas dos países do Sur vinculadas á proxectos de cooperación para o desenvolvemento, e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante estes meses de traballo. 

Ademais do IES Urbano Lugrís e o IES Fernando Wirtz, 3 centros de Educación Secundaria (IES Isidro Parga Pondal de Carballo, o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e o CPI Toural de Vilaboa) están inscritos nesta terceira edición na que participan 512 alumnos e alumnas e 14 profesores e profesoras.

Este proxecto está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Educo, coa colaboración organizativa e formativa de Mundo Cooperante Galicia, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxs oprimidxs ‘100tolas’.

15 de decembro de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.