Os encontros veciñais nas parroquias co alcalde de Lalín pospóñense ata despois das elección do 20 de decembro
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, anunciou hoxe que os encontros veciñais nas parroquias que se veñen mantendo dende hai meses co obxectivo de coñecer as principais necesidades dos veciños do rural e responder ás súas demandas, quedan aprazados ata despois das eleccións xerais do próximo 20 de decembro.
A decisión de aprazar as reunións veciñais durante estes quince días tomouse, entre outras cuestións, coa intención de actuar con prudencia e respectar o desenvolvemento da campaña electoral. Deste xeito evítase que se poidan producir terxiversacións de calquera tipo relacionadas cos encontros veciñais e o seu contido, que carece totalmente de carices políticos.
Así mesmo, e tendo en conta que en etapa de campaña electoral os centros sociais de uso público están a disposición da Xunta Electoral para que sexan solicitados por parte dos partidos políticos para o seu uso en actos de campaña, cancelándose os encontros, evítase que poidan coincidir mitins con xuntanzas veciñais, imposibilitando calquera interferencia.
Unha vez celebradas as eleccións, as xuntanzas do alcalde e do concelleiro de Rural, Miguel Medela, cos veciños e veciñas seguiranse levando a cabo con normalidade. Nos últimos meses ambos se entrevistaron xa cos habitantes de preto de 30 núcleos.











