Os comercios de moda ‘Pablo Enrique’ e ‘Coco’, e a xoguetería ‘Enzópolis’ son elixidos mellores Escaparates de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá o acto de entrega dos premios do Concurso de Escaparates de Nadal 2015, que na súa edición número 26 na cidade distinguiu o traballo realizado polos comercios de moda feminina Pablo Enrique e Coco, así coma o da xoguetería Enzópolis, os tres primeiros premios nesta mesma orde. Así mesmo, o premio ao mellor escaparate por votación popular a través da rede social facebook recaeu na tenda de moda e complementos Maricastaña.

Houbo un total de 134 establecementos inscritos no Concurso, que nesta ocasión organizaron a Cámara de Comercio e o Concello de Ourense, unha participación que superou con creces as mellores expectativas dos organizadores. Igualmente, cómpre destacar que a maioría dos establecementos participaron por vez primeira no Concurso, logo de abrir ao público en datas recentes. Nesta edición repartíronse un total de 1.900 euros e unha estancia por sorteo entre todos os participantes -realizado na propia rolda de prensa- nun balneario da provincia. A sorte caeu en Muma Petit.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quixo destacar a “excelente participación e resposta do público a través das redes sociais, algo que dá boa fe de que vivimos nunha cidade cun comercio dinámico e que, se é capaz de moverse, pode resultar unha fonte de riqueza sen igual para Ourense”, pero sobre todo felicitou a todo o sector comercial “por involucrarse e darlle vida á cidade a través de iniciativas coma esta, converténdose nun polo de atracción para os paseantes e turistas que visitan Ourense”.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, agradeceu aos comerciantes inscritos “a súa participación no concurso facendo gala do seu interese e esforzo por ambientar cos seus escaparates as rúas e prazas nunhas festas tan relevantes coma as do Nadal” e subliñou o alto índice de participación na cidade.

O acto tamén contou coa participación da concelleira de Comercio, Ana Morenza, impulsora do Concurso xunto á entidade cameral, así coma de representantes das firmas colaboradoras.

Criterios e participación

Creatividade, combinación de elementos e cores e iluminación e composición foron algúns dos aspectos máis valorados en todos os casos polo xurado.

As zonas comerciais da cidade que aglutinaron maior participación son, en primeiro lugar, a Praza Maior e o Casco Vello, cun total de 26 representantes, seguidos da zona da Ponte, que contou con 25 participantes. Xa con cifras que pasan da ducia temos outras zonas coma a céntrica rúa comercial de Santo Domingo, Progreso ou Zona Centro.

En canto ao tipo de actividade que desenvolvían os establecementos que participaron no concurso, a maioría (33) están adicados á moda, seguidos dos de calzado e complementos (16), e xa por detrás sitúanse os de alimentación, decoración, tendas de flores, farmacias e ópticas, con 10.

23 de decembro de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.