Os cativos da escola infantil da Deputación móstranse solidarios cada Nadal co comedor de San Francisco e Cáritas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

As nenas e nenos da escola infantil da Deputación están a participar nunha campaña de recollida de alimentos e xoguetes que se entregarán ao Comedor de San Francisco e a Cáritas Pontevedra nos vindeiros días de Nadal. Pediron a seus pais e nais que achegaran bonecos, crebacabezas, coches, peluches e xogos, así como paquetes de todo tipo de comida para darllos “á xente que non ten”. No día de hoxe a deputada Eva Vilaverde, o director de Príncipe Felipe e a responsable da escola infantil participaron nun acto de entrega de todo o material reunido.

A deputada Eva Vilaverde sinalou que “pequenas iniciativas solidarias coma esta, aínda que non son unha solución ao problema, contribúen a apoiar a familias que viven situacións de pobreza extrema en Pontevedra”. Tanto ela como o director da cidade infantil Príncipe Felipe, José Ramón Couto, manifestaron estar “moi sensibilizados coa situación dos menores de familias de poucos recursos polas historias de problemas e dificultades que coñecen día a día nos centros de acollida da Deputación, xa que os nenos son as vítimas máis sensibles das situacións de pobreza”.

O obxectivo da campaña de recollida levada adiante na escola infantil era conseguir máis dos 320 quilos de alimentos acadados o ano pasado e xa está cumprido a pesares de que aínda se poden facer achegas ata o mércores. Segundo explicou a responsable da escola infantil, Sandra Rial, “no 2014 a oficina de Fremap de Pontevedra -que se encarga de repartir o material entre Cáritas e o comedor- foi a que máis achegas recolleu de toda España… e este ano imos camiño de superar con creces aqueles números”.

Rial sinalou que, se ben no anterior exercicio dende o Comedor de San Francisco se pediran especificamente leite, galletas ou cacao en po porque xa dispoñían de moitos alimentos secos (tipo pasta, arroz, garavanzos ou lentellas), este ano a solicitude foi de comida de todo tipo. “Entendemos que porque a situación se está a agravar”, dixo.

En canto aos xoguetes, na campaña de 2014 a escola infantil xuntou 297, cifra que este ano tamén se verá superada polas achegas que fixeron os nenos, pais e traballadores do CEIP de Príncipe Felipe, que se sumaron á iniciativa.

A escola infantil da Deputación leva participando nesta actuación organizada dende a línea de acción social de Fremap dende o ano 2013, cando a mutua propuxo unha posible colaboración en algunha das súas liñas en materia solidaria. “Ao ver que as achegas quedaban en Pontevedra non o dubidamos un momento e implicámonos de cheo”, explicou Rial. Pola súa banda o director da oficina de Fremap en Pontevedra, Pedro Báez Alfonsín, agradeceu a colaboración.

Tapóns

O traballo solidario da escola infantil da Deputación non queda só na recollida de comida e xoguetes no Nadal. Pais, nais e traballadores do centro tamén están implicados nas campañas de tapóns de Fremap: a directora do centro encárgase de xuntalos na contorna de Montecelo, incluíndo os que se recollen no propio hospital, no que a diario se moven milleiros de persoas. Aproximadamente cada mes Rial leva uns 100 quilos de tapóns de plástico ata as instalacións da mutua, que este ano están destinados a axudar a seis rapaces (Celia, Pau, Alfredo, Iker, Inés e Jon) que sofren enfermidades mitocondriais e que reciben apoio dende a Asociación Española de Patoloxías Mitocondriais. “Aínda nos quedan por levar 11 ou 12 sacos que temos recollidos , e seguiremos o ano próximo”, apuntou Rial.

18 de decembro de 2015 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.