Os bombeiros de Vigo interveñen nunha inundación causada pola rotura dunhas tubaxes nun edificio
Efectivos de Bombeiros de Vigo, do parque de Balaídos, foron mobilizados na mañá deste xoves para intervir nunha inundación producida nun edificio da zona de Travesas, por mor da rotura dunhas tubaxes. Segundo informaron fontes de bombeiros, sobre as 7,15 horas da mañá deste xoves recibiron un aviso para que acudisen até o número tres da rúa Tranviarios, onde se produciu unha inundación.
Até o lugar desprazouse un vehículo de primeira saída do parque de bombeiros de Balaídos, que tivo que forzar a porta da sala de caldeiras para poder cortar a auga, xa que a comunidade do edificio carecía das chaves. Así as cousas, unha vez na sala procederon a pechar a chave de paso da auga previamente á chegada dos fontaneiros. Tal e como comunicaron as mesmas fontes, a inundación non revestiu maior gravidade.











