publicidade hoxe

Oroso leva a cabo un obradoiro entre 500 cativos de primaria para ensinarlles a coñecer e controlar as súas emocións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Obradoiro de educación emocional

Obradoiro de educación emocional

O Concello de Oroso está levando a cabo un obradoiro de educación emocional dirixido a nenos e nenas de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de primaria dos distintos centros educativos do municipio. A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, participou nunha das tres sesións celebradas na escola de Trasmonte e indicou que “o obxectivo deste obradoiro de educación emocional é que os nosos nenos aprendan a coñecer e controlar as súas emocións, contribuíndo así a mellorar a calidade da convivencia”.

“A Terra das Emocións”, que é o nome deste obradoiro educacional, desenvólvese en tres sesións de 50 minutos cada unha e impartidas por Montserrat Lata, psicóloga dos Servizos Sociais do Concello de Oroso e técnica responsable do “Proxecto Familia”. A primeira sesión, “Viaxe a Emociolandia”, serve para que os pequenos coñezan e identifiquen as distintas emocións. A sesión “Ponte na súa pel” busca promover a empatía, a comunicación e a asertividade entre o alumnado. A terceira sesión, “A montaña rusa”, ensina a regular esas emocións e técnicas de autocontrol.

Uns conceptos complexos que Montserrat Lata fai chegar aos nenos e nenas de Oroso a través de divertidos vídeos de debuxos animados ou de sketchs de programas como Barrio Sésamo que exemplifican esas emocións. Así, os nenos e nenas poden ver distintos tipos de reaccións diante dos problemas que se lle aparecen aos seus personaxes favoritos, facendo fincapé no uso da comunicación e de poñerse na pel do outro para resolver os problemas. Tamén aprenden técnicas sinxelas para controlar o seu enfado como, por exemplo, respirar profundamente varias veces seguidas ou contar ata dez antes de dicir nada. 

“A Terra das Emocións” é un obradoiro educacional posto en marcha polo Concello de Oroso e cofinanzado pola Deputación da Coruña. Nel participan todo o alumnado do CEIP Oroso e os cursos de primeiro a cuarto de Primaria do CEIP Sigüeiro, así como todos os alumnos e alumnas do Centro Rural Agrupado. En total, suman preto dos cincocentos rapaces e rapazas.

 

9 de decembro de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.