publicidade hoxe

Ordes conmemora baixo o lema ‘Atrévete a coñecerme’ o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

Baixo o lema ‘Atrévete a coñecerme’, este ano o  Concello de Ordes conmemorará o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Unha invitación que dá título a un manifesto que incide na importancia de coñecer ás persoas con algún tipo de discapacidade. Preséntase este labor como un esforzo conxunto de cara a un sector poboacional con dereitos e capacidades propios que contribúen co avance dunha sociedade tolerante e desenvolvida.

Xa de cara ao vindeiro xoves, 3 de decembro, no auditorio da casa da cultura levarase a cabo a representación teatral de ‘Romeo e Xulieta’, a cargo dos usuarios e usuarias da asociación Andaina Pro Saúde Mental. Unha cita na que participarán tamén alumnas e alumnos dos IES do municipio, e á que tamén están convidados todos os veciños e veciñas que desexen asistir.

“Nesta xornada o departamento de Servizos Sociais traballa especialmente co alumnado da ESO por ser un sector vulnerable e con capacidade para contribuír no seu cambio e tratamento social así como na súa desestigmatización”, explica Susana García, concelleira de Discapacidade e Educación. “Estamos a desenvolver charlas informativas nos centros sobre as enfermidades mentais e a incidencia que teñen as drogas nelas. Tamén asistirán á función teatral, onde comprobarán de primeira man o esforzo e a capacidade das persoas que presentan algunha clase ou tipo de enfermidade mental”. No é o único xa que para os máis activos e activas tamén se informa sobre o Servizo de Voluntariado Europeo (SVE), do cal poden pasar a formar parte.

Curso do Mesón do Vento

‘Romeo e Xulieta’ é unha adaptación realizada polo actor e dramaturgo Francisco Rey, e que nesta ocasión conta con decorados realizados especialmente para a ocasión polos integrantes do curso de habilidades sociais que se desenvolve no Mesón do Vento. Un labor no que tamén colaborou activamente o colectivo Creativo Mutante. 

1 de decembro de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.