publicidade hoxe

Ordes celebra o ‘Día da solidariedade’ cun marcado carácter futbolístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O vindeiro sábado, día 26 de decembro, Ordes celebrará o seu ‘Día da solidariedade’. Unha xornada que xurdiu da iniciativa popular co fin de recadar alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene persoal e para a limpeza do fogar. Todo o acadado neste día será doado integramente a organizacións e asociacións benéficas do Concello de Ordes, entidade colaboradora desta iniciativa.

A primeira das citas desenvolverase a partir das 15 horas no campo de fútbol de Vista Alegre, onde todos e todas os que queiran poderán acceder gratuitamente e depositar os seus donativos. Unha hora máis tarde haberá unha charla introdutoria na que se explicará en que consiste e as normas básicas do fútbol gaélico. Xa ás 16.30 horas terá lugar o primeiro partido entre nenos e nenas, que tamén poderán divertirse con multitude de xogos e actividades ao aire libre. Ás 17.30 os adultos inscritos previamente e que formaran aliñación saltarán ao terreo de xogo. Algo que poden facer a través da Cruz Vermella Ordes (Rúa Parque Municipal, 15680 Ordes, A Coruña, 670261201) ou tamén a través do Facebook ‘Día da solidariedade de Ordes’.

Posteriormente terá lugar o ‘terceiro tempo’ no que se intercambiarán opinións e impresións sobre a xornada e no que non faltará a música tradicional, que virá da man de grupos da zona.

Un ano máis os organizadores desta iniciativa fan un chamamento á boa intención da cidadanía de Ordes, a cal sempre se involucra neste tipo de causas. Así, o pasado ano nesta mesma iniciativa acadáranse 800 euros en metálico, 500 quilos de alimentos e un lote de 400 produtos de limpeza e hixiene.  O número de asistentes superou os 200, que desfrutaron dos partidos que se disputaron entre 30 adultos e máis de 20 menores.     

24 de decembro de 2015 | 11:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.