‘Obxectivo Pontevedra’ levará á rúa o aniversario da Fundación do Museo
Co obxecto de conmemorar o aniversario da fundación do Museo provincial, o vindeiro 30 de decembro celebrarase un concurso fotográfico aberto a toda a cidadanía. As persoas participantes, sen límite de idade, deberán localizar cinco espazos do casco histórico de Pontevedra retratados polos debuxantes da ‘Sociedad Arqueológica de Pontevedra’, e fotografar eses lugares tratando de reproducir o máis fielmente posible o encadre do debuxo orixinal.
Para poder participar no concurso, as persoas interesadas terán que presentarse no Sexto Edificio do Museo a partir das 16:00 horas do propio día 30 para inscribirse e recoller unha copia dos debuxos que terán que localizar e fotografar, e unha vez feitas as fotografías deben volver ó Sexto Edificio para entregar unha copia das mesmas en formato dixital. Só por participar, todas as persoas recibirán no momento da entrega das fotos unha publicación do Museo de Pontevedra a modo de agasallo.
Con todas as fotografías presentadas, un xurado composto por persoal do Museo, elixirá as tres mellores series fotográficas, que serán premiadas cunha exposición temporal na área de cristal do Sexto Edifico. Ademais, ás autoras e autores destas tres series fotográficas tamén se lles entregará unha selección de publicacións que poderán elixir entre a oferta editorial do Museo de Pontevedra. Estes tres gañadores e gañadoras daranse a coñecer un mes despois, o sábado 30 de xaneiro de 2016, coincidindo coa data da celebración da primeira sesión do Padroado do Museo, na que estivo presente Castelao, artista a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedica o ano 2016.
As persoas que desexen máis información poden dirixirse ao teléfono 986 804 100 extensión 42413 ou ao enderezo de correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es, en horario de luns a venres de 8:00 a 14:30 h.
Programa de Nadal no Museo
Este luns comeza a primeira quenda do obradoiro infantil ‘Retratos de Nadal’ que, aproveitando a actual exposición do fotógrafo Virxilio Viéitez, permitirá que as crianzas traballen ao redor do retrato fotográfico. Neste obradoiro, os nenos e nenas visitarán a exposición da man do Gabinete Didáctico do Museo para coñecer especialmente as imaxes dos pequenos e pequenas da Galiza das décadas de 1960 e 1970, así como as das súas familias e contorna histórica. A partires da visita da exposición, realizarán un adorno de Nadal a partires do seu propio retrato fotográfico.
O obradoiro comeza este luns día 21, e continuará o 22 e o 23 para nenos e nenas de 5 a 8 anos. A vindeira semana celebrarase os días 28, 29 e 30 de decembro para nenos e nenas de 9 a 12 anos. Todas as quendas teñen unha duración de dúas horas e un total de 15 rapaces e rapazas participantes. Todas as prazas de todas as sesións están completas.
O martes 29 ás 18:00 horas o Sexto Edificio acollerá o conto musical a piano ‘A Sereíña’. Un espectáculo que integra literatura, música e pintura, e que está centrado no conto infantil do mesmo título que foi escrito polo autor dinamarqués Hans Christian Andersen. Será un concerto a catro mans que correrá a cargo das pianistas Patricia Rejas e Blanca Palomar e que interpretarán doce pezas do compositor alemán Robert Schumam. Esta interpretación musical estará acompañada por imaxes do conto en acuarela, autoría da pintora Marta Román, e pola voz de Ailén Kendelman Mouzo. A entrada a este espectáculo é gratuíta ata completar aforo.











