O xurado do “Tapéate” premia a “La bodega de la estrella” e o galardón do público é para “A pousada das ánimas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A organización do certame “Tapéate Ferrol 2015” deu a coñecer esta mañá os nomes dos locais gañadores da presente edición, na que participaron 24 establecementos que ofreceron tapas elaboradas para o concurso dende o 3 ao 13 de decembro.

O “Tapéate 2015” está organizado polo Concello de Ferrol, coa cofinanciación da Deputación da Coruña e a colaboración da Sociedade Mixta de Turismo e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca. 

O primeiro premio do xurado, dotado de 500 euros, recaeu en “La bodega de la estrella”, pola tapa “Volandeira, crema de moluscos, crumble de castañas e aliño de fiuncho”; o segundo, de 400 euros, en “Puro gusto” por “Tapa golosa” e o terceiro, con 300 euros, foi para “A Canfurnada” por “Fuga de Alcatraz”. 

O premio do público, dunha contía de 300 euros, recaeu na “Pousada das ánimas”, pola súa “Torrixa de queixo, carrillera, crema de batata e cus cus de coliflor”. 

O xurado estivo integrado por tres membros expertos en temas gastronómicos, propostos pola Asociación de Empresarios de Hostalería e nomeados pola Sociedade Mixta de Turismo, cun representante da Asociación como secretario sen voto. Trátase de Mariña Bello Vázquez, responsable de Marketing de “Tee Travel”, Olga Vizoso, profesora de hostalería do Instituto Fragas do Eume e Jorge Guitián, blogueiro e especialista en gastronomía.

O próximo luns día 21 nun acto que se desenvolverá no Concello de Ferrol farase entrega oficial dos galardóns, así como dos catro bonos turísticos por 100 euros que se sortearon entre os clientes participantes. 

17 de decembro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.